06/09/2010

AURIGA DE DELFOS

CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou en vulto redondo de tamaño natural coñecida como o Auriga de Delfos e conservado no Museo de mesmo santuario. Tratase dun exvoto para conmemorar a súa vitoria nunha carreira de cuadrigas nos Xogos Píticos que se celebraban nese santuario. Está realizada en pezas de bronce fundido por medio da técnica de cera perdida e logo soldadas.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó período de transición coñecido como estilo severo da primeira metade do século V a.C.
A finais do século XIX, as escavacións arqueolóxicas ó lado do teatro, por riba do templo de Apolo, descubriron os restos dun grandioso conxunto escultórico: restos dunha cuadriga con parte do seu basamento, a parte inferior de tres patas de cabalos, unha cola do mesmo animal, o brazo esquerdo dun adolescente e a soberbia escultura dun varón vestido cun largo chitón que representa un cocheiro suxeitando as rendas. Pola inscrición da base sábese que o corredor estaba ó servizo Polízalos, tirano de Gela, mecenas da obra, quen desaparecería da escena política coa chegada da democracia, entre 466 y 465 a. C., o que permite facer unha datación ben aproximada
O grupo debeu quedar soterrado cando un terremoto, no 373 a.C., destruíu o templo. O conxunto estaría formado por un carro, catro cabalos, un mozo, o auriga e, seguramente, o propio Polízalos, pero a súa figura debeu ser destruída cando se produciu o seu declinar político. Hai outras posibles interpretacións derivadas de non contar con todas as pezas do grupo.

O seu autor é descoñecido, aínda que pode tratarse de Pitágoras de Regio ou Onatas de Egina

CONTEXTO

Grecia non constituía un estado senón que estaba politicamente organizada en poles independentes, a c
idade-estado. Nun mundo no que os reis eran deuses, Atenas opta pola democracia (goberno do pobo). Os atenienses non eran súbditos senón cidadáns, homes libres nacidos na poles, e tiñan dereito a participar directamente na xestión da cidade a través da Asemblea, da que están excluídos os estranxeiros, os escravos e as mulleres, e dos tribunais que eran as bases do sistema.
O pensamento fundamentase, á diferenza dos seus contemporáneas, no antropocentrismo, o home é a medida de tódalas cousas, dixo o filósofo Protágoras. A relixiosidade non era dogmática, os deuses eran moi humanizados e tampouco había unha clase sacerdotal. Cada poles tiña os seus deuses locais, pero os máis importantes eran patrimonio colectivo do territorio grego, o que se concretaba na existen
cia de santuarios de peregrinación (Olimpia, Delfos...).
Se a base artística está na arte prehelénica de Creta e Micenas, Grecia aporta o antropocentrismo, o pensamento crítico como principio reitor do saber e a consecución da beleza ideal (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras esculturas, pero desde aí os escultores avanzan na procura
do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume.
ANÁLISE

A figura presentase de pé, en verticalidade corporal ríxida pero cos brazos adiantados pois está soster as rendas da cuadriga, viste túnica talar de manga curta que deixa á vista os pés nus, símbolo do seu carácter de heroe, cinguida por riba do ventre, o que fai que o torso semelle moi curto, por un cinto no que se suxeitaban as rendas, e unha correa no torso que, pasando baixo as axilas, se ata nas costas, tiña por finalidade impedir que o movemento da túnica durante a carreira. A cabeza descuberta, con pelo curto e diadema de vencedor, anudada en lazada detrás e decorada por unha greca.
Se ben está realizado, como se indicou, en bronce, para acadar un maior realismo engadíronse outros materiais: pasta vítrea para os ollos, láminas de prata para os beizos, cobre nas pestanas e tamén partes de prata na diadema.
Estilisticamente amosa herdanzas do pasado pero tamén apunta novidades importantes cara á un maior naturalismo. Como os kuros arcaicos, é un atleta triunfante pero neste caso vestido, un heroe seguro e orgulloso do seu logro, pero non fai amago de movemento, está firme sobre a cuadriga suxeitando con decisión as rendas para impoñer a súa firmeza ós cabalos, é unha tensión contida. A mesma que reflicte o rostro, ausente, concentrado e inexpresivo, sen relación algunha coa acción, domina a calma e a serenidade que se corresponde cos principios clásicos de equilibrio e harmonía. O sorriso arcaico xa non existe.
Existe unha clara diferenza no tratamento dos panos entre a parte inferior e a superior do corpo. A parte inferior da túnica cae en longas, grosas e verticais pregas que recordan as estrías do fuste dunha columna, este menor detallismo quizás teña que ver con que esta parte quedaría oculta trás do frontal do carro. Pola contra, a parte superior está moito mais coidada, a tela describe finas pregas curvas, de menor volume e seguramente demasiado paralelas pero verdadeiramente mais naturalistas. Son pois dous ritmos opostos de verticalidade inferior e sinuosidade superior que dinamizan a escultura.
Compositivamente a verticalidade da figura rompese polo lixeiro xiro da cabeza á dereita e pola proxección do brazo cara adiante, supoñemos que tamén o outro (en cuia man levaría o coitelo para cortar as rendas en caso de perigo). Rompe pois a simetría e inicia a conquista da terceira dimensión, ó mesmo tempo o feito de ser un grupo fai que desapareza a frontalidade pois é preciso que o espectador deambule entorno do monumento para obter outros puntos de vista.
A cabeza, sobre un robusto pescozo, responde ó ideal de forma xeométrica perfecta para a parte máis nobre do home: a esfera. Nin os cabelos, pegados e traballados en estilizados mechóns sen volume, rompen a esferecidade, só asoman baixo a diadema coidadosamente cincelados en pequenos bucles pegados ó rostro. Este presenta unha nariz fina e recta, arcos supercialiares horizontais e moi marcados, boca de carnosos beizos pequena e entreaberta, un conxunto de modelado redondeado que se anima a través da luminosidade aportada polos ollos cunha mirada viva dirixida á fronte, que adquiren maior expresividade polo detalle das pestanas engadidas.
En conclusión o Auriga é claramente unha obra de transición entre o arcaísmo do que conserva a falta de espírito e de mobilidade, e o clasicismo pleno, no que xa se apunta certa tridimensionalidade e se amosa unha expresión serea e grave sen o forzado sorriso arcaica. Aínda mantendo esa actitude impasible, o Auriga preludia a harmonía idealizada da beleza clásica.


0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir