6 de set. de 2010

DISCÓBOLO


CATALOGACIÓN
Escultura a exenta ou de vulto redondo a tamaño natural (1,53 m altura), que representa un atleta no momento de disporse a lanzar o disco, de aí o seu nome de Discóbolo
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles en Atenas, idade de ouro da arte grega, quen encargou a reconstrución e embelecemento da Acrópole despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
O seu autor é Mirón, broncista de recoñecida fama, discípulo de Hagéladas de Argos e condiscípulo de Policleto e Fidias; sabemos que realizou moitas outras obras, especializándose na representación de atletas e na plasmación do movemento.
Orixinalmente era unha obra en bronce realizada en partes por fundición coa técnica da cera perdida, pezas que logo se ensamblaban por soldadura. A obra orixinal non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas copias romanas, varias en mármore e outra en bronce.

CONTEXTO
Grecia non constituía un estado senón que estaba politicamente organizada en poles independentes, a cidade-estado. Nun mundo no que os reis eran deuses, Atenas opta pola democracia (goberno do pobo). Os atenienses non eran súbditos senón cidadáns, homes libres nacidos na poles, e tiñan dereito a participar directamente na xestión da cidade a través da Asemblea, da que están excluídos os estranxeiros, os escravos e as mulleres, e dos tribunais que eran as bases do sistema.
O pensamento fundamentase, á diferenza dos seus contemporáneas, no antropocentrismo, o home é a medida de tódalas cousas, dixo o filósofo Protágoras. A relixiosidade non era dogmática, os deuses eran moi humanizados e tampouco había unha clase sacerdotal. Cada poles tiña os seus deuses locais, pero os máis importantes eran patrimonio colectivo do territorio grego, o que se concretaba na existencia de santuarios de peregrinación (Olímpia, Delfos...).
Se a base artística está na arte prehelénica de Creta e Micenas, Grecia aporta o antropocentrismo, o pensamento crítico como principio reitor do saber e a consecución da beleza ideal (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras esculturas, pero desde aí os escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume.

ANÁLISE
A copia a analizar está realizada en mármore, por iso a necesidade do apoio en forma de árbore. Considérase que representa o atleta Hyakintos, convertido en heroe por morrer ó facer o lanzamento, pero en modo algún se corresponde co seu retrato, mais ben é a materialización do home perfecto, unha figura simbólica, en definitiva o HOME, e non como representación de exvotos ou divindades.
Como atleta vai nu e como heroe tamén os pés están descalzos, recorda pois os kuros arcaicos pero a partir desta semellanza ningunha outra os conecta, máxime se observamos a disposición: movemento fronte a repouso.
A disposición é moi atrevida. O autor escolle o instante previo ó lanzamento, un instante fugaz cando o atleta co disco na man dereita o impulsa cara a atrás, para voltealo de contado con rápidos xiros. No instante seguinte dará un paso adiante e deixará saír o disco. Os músculos están tensos, preparados para a acción, o movemento está contido ó tempo que o rostro expresa máxima concentración. O corpo inclínase e apoia firmemente no chan a planta do pe dereito e as dedas do esquerdo.

Da elección do momento deriva a composición. Unha composición complexa, aberta, marcada por unha curva en espiral, ou zigzag, que vai do brazo dereito á perna do mesmo lado, contrapesada polas liñas quebradas de brazos e pernas coas que logra a estabilidade. O equilibrio compositivo ven dado pola disposición de dous arcos simétricos: un desde a man dereita pasando polos ombreiros e a man esquerda ata o pe esquerdo apoiado no chan sobre as dedas; o outro parte da cabeza pasa polo torso e prolongase ata o pe dereito afirmado plenamente no chan.

Todo isto elimina a frontalidade e multiplica os puntos de vista aínda existindo unha visión principal que é a única que posibilita a percepción plena da obra, de feito a parte posterior amosa un costado en curva que pouco aporta. Pervive pois unha certa bidimensionalidade da escultura non liberada totalmente do seu carácter de relevo.

A anatomía está moi traballada se ben con sobriedade e quizá cunha musculatura un tanto plana, con detalles de gran realismo como as dedas dobrada ó apoiarse no chan ou a tensión muscular do ombreiro dereito e a cadeira.
A esfericidade da cabeza responde ó ideal de forma xeométrica perfecta para a parte máis nobre do home: a esfera. O pelo ordenase nun peiteado de pequenos e pouco voluminosos guechos, tratados de xeito realista. Pola súa banda, o rostro de corte oval non amosa expresión algunha, está nunha actitude seria, sen o antigo sorriso arcaico, serea e desconectada do esforzo que supón a acción, algo habitual no clasicismo que busca o equilibrio harmónico entre interior e exterior. É o principio da sofrosine, a calma inmutable dos deuses.
Apuntar que o orixinal en bronce coa luz que esvaecería sobre as súas superficies daría uns resultados que as copias non nos aportan.
En síntese, á herdanza do pasado Mirón engade apuntes novidosos: maior complexidade compositiva, maior naturalismo, reinterpretación da temática, conquista do movemento, equilibrio emocional, proporción a través do canon e a harmonía.







CURIOSIDADES: DO PASADO Ó PRESENTE Olimpia albergaba o santuario de Zeus máis importante da antigüidade, por esa razón foi elixida como sé dos xogos que se celebraban cada catro anos. Da súa importancia da mostra a paz olímpica: durante os xogos -desde unha semana antes ata unha semana despois- decretábase unha tregua sagrada dos conflitos bélicos para permitir a chegada dos atletas e dos espectadores.
Os atletas eran cantados polos aedos, adquirían fama, honra e gloria. Polo que non nos ha sorprender que aparezan na escultura. Se Mirón obtivo recoñecemento polo seu Discóbolo, os lanzadores de disco son a miúdo representados na cerámica, como estes exemplos que seguen.



Como contrapunto o artista chinés Sui Jianguo tomou a obra de Mirón, xa unha icona da arte, para convértela nunha metáfora da revolución cultural fronte a Occidente. El mesmo dixo "quería amosar como a través da auto-reflexión cheguei a me desfacer das ataduras da educación recibida na Academia de Arte e a súa ideoloxía socialista. No seu lugar creei unha forma de arte  toda miña". Evoca tamén a tensión entre a liberdade de movemento do atleta e as limitacións burocráticas do uniforme.
O resultado é este Discóbolo realizado en resina en 1988, vestido cun impoluto uniforme Mao (Museo Británico)
No 2008, retomou a imaxe para multiplicala na instalación presentada en Hong Kong, Discóbolos da era moderna. Unha serie de homes de negocios perfectamente vestidos nos seus traxes por igual adoptan a actitude do atleta grego, agora en alusión á produción en masa chinesa lanzada ó mundo enteiro.



Esta vesión de Dalí, Atleta cósmico, estivo durante anos no despacho do Rei na Zarzuela. 
Foi un encargo do goberno de Franco para os Xogos Olímpicos do 68 en México. Como non se lle puido pagar a altísima cantidade que o artista pedía pola obra, foi o vicepresidente do COE quen acordou un  pago e quedou co lenzo. Coñecedor do interese do monarca por esta obra cedeulla en depósito de por vida
Á súa morte, no 2004, os herdeiros reclamaron a devolución do cadro que lexitimamente lles pertencía. Abertas negociacións, Patrimonio Nacional finalmente mercou no 2008 a peza abonando 2,88 millóns de euros.
Trátase dun lenzo de grandes dimensións -2x3 m-, necesarias para acoller este xigantesco Discólo que agarra o sol coa man





0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir