6 de set. de 2010

DORÍFORO





CATALOGACIÓN
Escultura exenta ou de vulto redondo a tamaño natural, que representa un lanceiro ou portador de lanza, de aí o seu nome de Doríforo.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles en Atenas, idade de ouro da arte grega, quen encargou a reconstrución e embelecemento da Acrópole despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
Orixinalmente era unha obra en bronce realizada en partes por fundición coa técnica da cera perdida, pezas que logo se ensamblaban por soldadura. A obra orixinal non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas copias romanas en mármore,  o que obrigou a engadir un apoio en mármore, un tronco de árbore neste caso.
O seu autor é Polícleto un dos grandes mestres da escultura grega clásica. Se ben comezou a traballar durante a súa primeira xuventude na cidade de Argos, importante centro de broncistas, como discípulo de Hagéladas de Argos e condiscípulo de Mirón e Fidias, acudiu a Atenas cando ferven os encargos no medio das campañas construtivas da Acrópole. Aínda así, é Fidias quen monopoliza practicamente o mecenado público, e por isto Policleto debe conformarse con encargos particulares, nacendo desde entón unha forte rivalidade entre ámbolos dous escultores.
Ó chegaren as Guerras do Peloponeso, volve á súa cidade natal de Argos; xa ancián, realizou unha obra inxente que espertou a admiración dos seus contemporáneos: a imaxe crisoelefantina de Hera, hoxe perdida, amais de todo o programa escultórico do templo a ela dedicado, o Hereon de Argos.
Era un teórico da anatomía humana, que escribiu textos ó respecto e que despois plasmou os seus criterios en forma de escultura. Era un perfeccionista das proporcións, o que fixo que algúns historiadores opinen que pertencía a unha das numerosas seitas pitagóricas existentes, dedicadas á numeroloxía. Atribúeselle un tratado (o Kanon, a norma) que como sinala o título é unha recompilación do concepto da escultura, no que sobresaen os seus minuciosos estudios da proporcionalidade do corpo humano e a súa idea de que a beleza se atopa precisamente na propia harmonía (simetría) dese mesmo corpo.
É conveniente que a cabeza sexa a sétima parte da altura total da figura, o pé tres veces a lonxitude da palma da man; mentres a perna,desde o pé ata o xeonllo, deberá medir seis palmos e a mesma medida haberá tamén entre o xeonllo e o centro do abdome
Como exemplificación dos seus postulados realiza o Doríforo, modelo de moitísimos artistas contemporáneos e posteriores, que significativamente chamaron á obra coma o libro, o Canon.O orixinal data de mediados do s. V a.C , e, como é habitual, coñecémolo por copias romanas en mármore. Outras obras súas son o Diadúmeno e a Amazona ferida.

CONTEXTO
Ver Fidias

ANÁLISE
Tema (o que é e o que vemos). Representa un mozo nu que porta unha lanza ma man esquerda e que anda, tal vez Aquiles. Un mozo xove, pero adulto, probablemente un atleta pois vai espido e cos pes descalzos coma un heroe. Os atletas foran o tema principal da escultura grega arcaica, os kuroi, xunto coas figuras femininas das korai. O Doríforo, polo tanto, garda similitude temática coas esculturas do século VI a.C, similitude que tamén se demostra compositivamente pola posición das pernas, unha máis adiantada que a outra, e polo tratamento de algúns músculos, moi marcados, como os das cadeiras, pero desde aí as similitudes desaparecen.
Significado. O atleta convertese nunha idealización do corpo humano, da beleza obtida pola abstracción, e nese sentido representa ó Home en sentido abstracto e absoluto. A obra, de carácter civil, posiblemente tiña unha función decorativa, aínda que quizá sexa un reflexo das ideas de Polícleto sobre como representar a perfección do corpo humano.
Proporción. O primeiro dato a destacar é a proporcionalidade. Parece que o obxectivo de Polícleto era plasmar os seus estudios sobre o corpo humano partindo da idea de relación numérica entre un elemento, xeralmente a cabeza, e as outras partes do corpo. A proporción que utiliza é de 1:7, onde sete veces a cabeza da a dimensión da figura. A perfección chega a tal punto que se poden establecer criterios xeométricos na solución dalgunhas partes do corpo: as curvas do pregue inguinal e do arco torácico son segmentos de circunferencia con centros que coinciden no embigo. A cabeza é perfectamente esférica (figura perfecta na parte máis nobre do home), de tal xeito que o cabelo adáptase a ela exactamente grazas ó seu particular peiteado. A cara divídese en tres segmentos: o correspondente á fronte, o do nariz e mailo da boca.
Composición. Compositivamente destaca o perfecto equilibrio conseguido entre o estatismo necesario para o ideal de harmonía física e espiritual (equilibrio emocional) e o dinamismo propio dunha escultura en movemento, iso sí movemento en potencia pois está a facer un alto no camiñar.
Mantén aínda o carácter frontal pois está pensada para ser vista de fronte e nada hai que corte esa visión frontal, se ben a disposición da lanza, cara atrás, afonda na terceira dimensión. Se un eixo imaxinario dividira o corpo do Doríforo en dúas partes notaríamos unha descompensación pois non existe simetría bilateral estática dos antigos kuroi.
Movemento. O Doríforo está en contraposto con oposición de relaxación entre os membros: perna dereita, firme sostendo o peso do corpo, e brazo esquerdo dobrado portando a lanza e coa man adiantada, en tensión fronte á perna esquerda, dobrada e co pe atrasado, e brazo dereito, caido paralelo ó corpo, relaxados. Os movementos de todas as extremidades quedan así equilibrados, co seu lado dereito perpendicular á terra e pechado, e un lado esquerdo aberto e dinámico que rompe a sensación de estatismo que puidera dar o conxunto e crea profundidade. Pero ademais esta disposición repercute nas liñas de cadeiras e ombreiros que se fan oblicuas, creando un ritmo en S favorecido pola posición da cabeza ladeada á dereita.
Pese a todo a sensación é de quietude e serenidade que se prolonga nun rostro que resulta inexpresivo, non hai tensión algunha nin emoción só un lixeiro sorriso, lonxe do forzado sorriso arcaico, que responde ó obxectivo de equilibrio psicolóxico.

Tratamento anatómico. Anatomicamente non hai dubida de que Policleto fixo moitos estudios do natural para entender como funcionaban os músculos e sobre a proporcionalidade do corpo. Observase un meticuloso tratamento de ombreiros e tendóns e da súa resposta diante dunha postura concreta, sen embargo os músculos resultan aínda planos e a xeometría acada tamén o torso no que o embigo é o centro de segmentos de dúas circunferencias: a do arco torácico e a do pregue inguinal. A marcada diartrose das articulacións serve para subliñar a harmonía entre as partes e de estas co todo.
En síntese a pesar de certos arcaísmos como os xa citados, Policleto logra con esta obra unha forte sensación de naturalismo, iso sí idealizado, nunha case perfecta aproximación ó corpo humano en movemento. Non esquezamos que o seu ideal de beleza é a que ven da proporción, en definitiva do número das matemáticas e das formas da xeometría. Se o comparamos co antecedente de figura en movemento do Discóbolo de Mirón, está claro que no Doríforo a acción é menos violenta e a composición menos complexa, pero os principios clásicos están moito mais logrados. 
Pouco despois, no século IV a.C., Lisipo no seu Apoxiomenos reinterpretará os postulados de Policleto cun novo canon de proporcións alongado a oito cabezas.




 







HOME QUE CAMIÑA Esta escultura, prototipo dun corpo viril perfecto e elegante, foi referente de outrs obras posteriores por citar algún exemplo a estatua romana que representa a Augusto, coñecida como de Prima Porta polo lugar do seu achado, ou moito despois a sinuosidade das virxes góticas (como veremos no grupo de Reims).
Unha mínima revisión de "camiñantes"







0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir