06/09/2010

ESTATUA ECUESTRE DE MARCO AURELIO

CATALOGACIÓN

Retrato ecuestre, neste caso unha escultura exenta ou en vulto redondo, que representa a un home a cabalo, concretamente a Marco Aurelio, Emperador entre 161 e 180, pertencente á dinastía dos Antoninos e de familia de ascendencia hispana. Pertence pois ó s. II d.C.
As estatuas ecuestres existían, como sabemos por probas documentais, xa desde o período republicano, pero esta é a única que chegou ata nosoutros posiblemente porque durante a Idade Media, cando tantos bronces foron á fundición para reconvertelas en novas estatuas, se confundiu a Marco Aurelio con Constantino, lexitimador do cristianismo polo Edicto de Milán no 313. En calquera caso era un modelo reservado ás autoridades políticas
Tratase dunha obra orixinal e en bo estado de conservación, realizada en bronce fundido por cera perdida, por partes ensambladas e conserva restos do dourado que a recubría. Hoxe encontrase no Museo Capitolino de Roma mentres na Praza do Campidoglio, onde a colocara Miguel Anxo, existe unha replica.

CONTEXTO
O Imperio fundado por Augusto, Emperador entre o 31 a.C. e o 14 d., acadará a súa máxima expansión no s. II d.C, recordemos que o Mediterráneo era o Mare Nostrum. A unidade do Imperio ven dada pola romanización que impoñen en todas as terras conquistadas
Marco Aurelio, pertencente como se indicou ó s. II d.C., foi apodado O Sabio e considerado unha das figuras máis representativas da filosofía estoica. A pesares do seu afán pacificador tivo que reaccionar ante o levantamento dos partos e, de feito pasou a maior parte da súa vida nos campos de batalla. É o derradeiro dos grandes emperadores, tras del comeza unha crise xeral que se estenderá a todo o Imperio no s. III
A nivel artístico, os romanos teñen influencias do pasado ó tempo que suman trazos das zonas ocupadas: dos gregos toman a idealización aínda que con maior tendencia realista (o platonismo é substituído polo aristotelismo), de Oriente, o sentido ornamental e de luxo, dos etruscos, o retrato, o culto ós mortos, o arco de medio punto, o emprego de bóvedas, a orde toscana.
A este eclecticismo engaden a súa personalidade dominada polo sentido práctico. Fan unha arte ó servizo do Estado, que serve como propaganda política. De aí ven o carácter monumental e grandioso das obras; a importancia do retrato, retrato de poder; a planificación urbanística con cidades ex novo de plan ortogonal (ó modo dos planos hipodámicos gregos e dos propios campamentos militares) e as grandes obras de enxeñería: acuedutos, pontes, calzadas,...
O promotor é o Estado e tamén os patricios, mentres que o artista, unha figura anónima, é considerado un mero artesán que domina unhas técnicas.
Na escultura encontramos unha tensión entre dúas tendencias: o admirado clasicismo grego e a tendencia realista e práctica propia. A primeira tendencia levounos a copiar moitas obras clásicas, o que debemos agradecerlles, e tamén a imitalas (por exemplo no Augusto de Prima Porta). Pero o seu espírito quedou plasmado nos relevos, particularmente os históricos narrando feitos bélicos, e nos retratos que inmortalizan tanto figuras relevantes (emperadores, maxistrados, patricios) como xentes de menor influencia ou incluso anónimos.

ANÁLISE
Como moitos outros retratos romanos é un retrato de propaganda política, pero non, como era habitual no caso dos emperadores, con carácter militar, pois Marco Aurelio un convencido pacifista, o que non impediu que dadas as circunstancias pasase a maior parte da súa vida nos campos de batalla
En lugar dos atributos militares indicativos da forza imperial, aparece como un home de razón e, como tal, viste túnica e capa de soldado – paludamentum-, traballadas en suaves pregas, e calza botas de patricio. Montado sobre un robusto cabalo pasa revista ás tropas estendendo o brazo dereito.
O movemento de avance é pausado, ata o cabalo, en actitude rotunda pero non violenta, contribúe a transmitir a idea de poder sereno do home sabio. A pata dianteira alzada, orixinariamente pisaría un rei bárbaro maniatado, claro símbolo do poder de Roma.
Fisicamente o Emperador aparece algo máis fraco que noutros retratos, o cabelo rizado e a barba favorecen os claroscuros, a mirada directa ó fronte na mesma dirección do avance. Psicoloxicamente amosase sereno, rexido polo equilibrio e a mesura, posiblemente canso e desilusionado pero maxestoso.Suma pois o realismo físico, aínda que con certa idealización, coa caracterización anímica
Igualmente equilibrada resulta a composición cun Marco Aurelio firme e verticalmente disposto no centro, e pechada pola disposición en curva da cabeza e a cola do cabalo
A influencia desta obra será enorme, no Quattrocento italiano, e falando só de escultura, temos dúas obras importantes como son o Colleone de Verrocchio e o Gattamelata de Donatello. O tema pasará á pintura, hai que recorda ros retrato secuestres de Tiziano ou de Velázquez.



Algunhas citas do seu libro Meditacións
  • Non o fagas, se está mal; non o digas, se non é verdade
  • O mellor modo de defenderse é non facerse igual a eles.
  • O que non convén á colmena, tamouco convén á abella
  • Que o futuro non te turbe. En efecto, chegarás a el se é necesario coa mesma razón que agora empregas para o presente
  • Non se hai que enfurecer coas cousas porque a elas non lles importa
  • Moitas veces é inxusto quen non o fai, non só quen o fai


0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir