7 de set. de 2010

MESQUITA DE CÓRDOBA

CATALOGACION

Arquitectura con función relixiosa creada polo Islam, unha mesquita, sen lugar a dúbidas o edificio máis importante da arte hispano-musulmana no período califal, unha construción que se vai completando ó longo dun amplo período de tempo -desde o século VIII ó X- a través dunha serie de ampliacións e reformas, acometidas polos distintos dignatarios do goberno cordobés.
Esta mesquita aljama, é dicir mesquita maior, era a principal da cidade para a oración do venres. Posto que non hai rituais, o que se precisa é un gran espazo cuberto, unha sala hipóstila, capaz de acoller un alto número de fieis fundamentalmente para a oración colectiva dos venres, e así crease a mesquita que tomou como modelo a casa de Mahoma en Medina. Ten tamén un significado áulico posto que a actividade construtiva, especialmente das mesquitas aljama, era potestade do soberano e, consecuentemente, manifestación do seu poder.
A funcionalidade destas construcións é igual en tódolos territorios, pero ó carecer de herdanza propia, a arte islámica asumiu trazos dos entornos culturais nos que se erguen.

CONTEXTO
Mahoma, un comerciante caravaneiro, recibiu a revelación a través do arcanxo Gabriel. Isto sucedía na Península Arábiga no século VII da nosa era A nova relixión recibe o nome de Islam, Alá é o seu deus e Mahoma o profeta
basa o seu dogma no Corán, sendo pois a terceira relixión do libro xunto co xudaísmo e o cristianismo
Despois da morte do profeta, a nova crenza comezou unha expansión que a levou en menos de 150 anos a dominar dende o río Indo ata a península Ibérica, agrupando milleiros de seguidores da bandeira verde do Profeta.
No 711, tropas bérberes enviadas polo gobernador musulmán do norte de África dependente do califa de Damasco, e dirixidas por Tariq, cruzaron o estreito e e desembarcaron en Xibraltar. Entraron na Península chamados por parte da nobreza goda, partidaria dos fillos o defunto Witiza, para combate o rei Rodrigo. O enfrontamento produciuse no río Guadalete e rematou coa vitoria dos musulmáns
Os enfrontamentos e divisións internas da nobreza visigoda favoreceron a expansión musulmán, chegando a ocupar a meirande parte da Península.
As terras de Al-Andalus foron incorporadas ós dominios do califa Omeia de Damasco como un emirato independente con capital en Córdoba. Pero cando en Damasco os Abbasís se fixeron có poder, Abd al-Rahmán I, un dos poucos superviventes dos Omeias, fuxiu a Al-Andalus, fíxose co poder en Córdoba, proclamouse emir e declarou a independencia política no 756. Tempo despois, no 929, Abd al-Rahmán III, alentado polos seus éxitos militares e pola debilidade do poder dos califas de Bagdad, autoproclamouse califa ou xefe relixioso dos musulmáns de Al-Andalus. Nace así o Califato de Córdoba, que se manterá ata o 1031 e que constitúe o momento de maior esplendor político, cultural e social da España musulmán, así o reflicte a mesma Mesquita que estamos a analizar.
A fragmentación do Califto en reinos de taifas, marca o comezo dunha decadencia que nin almorábides nin almohades puideron evitar. A Reconquista que emprenden desde o norte os reinos cristiáns será completada coa ocupación do reino nazarí de Granada por obra dos Reis Católicos no 1492.

ANÁLISE
Construída en pedra de cantería, emprega asimesmo outros materiais: ladrillo, mármores, estucos e mosaicos.
Como se indicou anteriormente, a mesquita é resultado de sucesivas ampliacións, sendo as de maior interese artístico a primeira construción e a ampliación de Al-Hkam II
Canda analizamos a planta o primeiro que chama a atención é a súa orientación que se mantivo en tódalas ampliacións: a kibla mira ó Sur, a Damasco, en lugar de estar orientada cara á Meca, ó Leste. Isto interprétase como un signo máis de independencia fronte ó califato de Bagdad e un desexo de manter a tradición siria.
A mesquita levantada Abd al-Rahman I entre 786 e 788, sobre o terreo da antiga Igrexa de San Vicente, segue o modelo da gran mesquita de Damasco. O conxunto de patio - o sahn coa fonte de ablucións- e sala de oración, o haram, é practicamente cadrado. O haram consta de once naves de doce tramos ou intercolumnios, dispostas perpendicularmente á kibla, sendo a nave central máis ancha que as laterais
Aproveitáronse elementos de edificios anteriores romanos e visigodos, así sucedeu cos soportes da primeira construción o que determinou que os fustes das columnas varíen en tamaño, en grosor, nos materiais (uns son de mármore e outros de granito), igualmente unhas columnas teñen basa e outras non.
Pero o trazo máis significativo, pola novidade e pola eficacia tectónica, é o sistema de soportes empregado. Trátase dunha superposición de soportes, columnas na parte inferior e piares encima, que apean sobre unha peza cuadrangular, a modo de cimacio, con modillóns de rolos. Columnas e piares quedan cinchados por medio de arcos, de medio punto os de arriba e de ferradura e ó aire, os de abaixo. Estes, en lugar dos tradicionais tirantes de madeira, serven de entibo pois impiden o desprazamento lateral das columnas, xa que as primeiras doelas quedan embutidas no propio piar, son os chamados arcos enxarxados. Os arcos superiores son os que soportan a cuberta. Este sistema, inspirado nos acuedutos romanos, permitiu elevar a altura das naves ata 9 metros.
As doelas da dobre arquería presentan unha bicromía de vermello e branco, derivado do material usado: pedra e ladrillo.
Tanto o sistema de soportes como a bicromía está directamente relacionada coa arquitectura civil romana, o acueduto dos Milagres en Mérida é un claro antecedente.
A cuberta é unha armadura de madeira con vigas transversais. Na cuberta, cada nave ten o seu tellado a dobre vertente.
Son as propias arquerías, as que constitúen o principal elemento decorativo, recordemos que a arte islámica non pode contar con representacións, e a súa repetición en tódalas direccións parece prolongar o espacio desde calquera punto de vista.
A primeira ampliación e segunda mesquita débese a Abd al-Rahman II, entre o 833 e o 848, que derruba o vello muro da Kibla e prolonga o haram cara ó sur en oito tramos, uns 24 metros. Nestas datas, a cidade de Córdoba coñeceu un importante desenvolvemento urbanístico, motivado polo crecemento demográfico e económico, por iso era preciso dotar á mesquita dunha maior capacidade. Xa se labran a propósito algúns capiteis, dos que só se conservaron os dous que franquean o actual mihrab.
Con Abd al-Rahman III, primeira metade do s. X , a mesquita completase cun magnífico minarete de planta cadrada e dobre caixa de escaleiras, que se conserva no interior da torre barroca da actual catedral. Tamén se amplía o patio e se dota de pórticos, ó tempo que se reforza a fachada de acceso ó haram, que non sufriu modificación algunha.
A segunda ampliación e terceira mesquita, a máis espectacular, foi obra de Al-Hakam II. No 962 dá comezo unha obra ambiciosa que empeza por derrubar de novo o muro da Kibla para prolongar cara ó sur o haram en doce tramos máis ata chegar ás murallas que bordeaban a Medina ó carón do Guadalquivir.
Aínda seguindo o planeamento inicial, esta ampliación presenta interesantes novidades. A primeira xa aparece na planta ó introducir na súa tipoloxía a planta en "T" marcada polas bóvedas nervadas e do dobre muro da quibla. Hai catro bóvedas nervadas, tres en liña fronte ó mihrab e a cuarta sobre a nave central á entrada do haram, posúen nervios que non se cruzan no centro senón que o deixan baleiro para insertar pequenas bóvedas gallonadas, será un modelo de grande transcendencia para a arte cristián medieval. O muro da quibla conta con cinco estancias comunicadas entre si a cada lado do mihrab, dun lado para o paso do califa desde o alcázar –superando a rúa por unha pequena ponte-, e na banda oriental para o tesouro
Os soportes, ó seren feitos ex professo, son todos do mesmo tamaño e sen basa, alternando capiteis corintios e compostos, xunto cos novos modelos de pencas e os de talla de “avéspora” coa súa atalla a trépano. O cimacio, por influencia bizantina, pasa a ser agora cruciforme.
Introduce novos tipos de arcos: apuntados, lobulados e entrecruzados; os de ferradura presentan maior frecha
Delimitouse a macsura por medio de celosías de madeiras preciosas e arcos entrecruzados con doelas decorativas, carentes de valor estructural, aínda que manteñen o mesmo esquema de soportes superpostos serven só como pantalla divisoria. Esta é a zona máis ricamente ornamentada, con atauriques, epigrafía con versículos do Corán, mosaicos e lacerías.
Por último, ábrese un profundo e rico mihrab octogonal embutido no muro da quibla, ao exterior semella un contraforte. O interior decórase con arcos lobulados cegos e cóbrese cunha cúpula en forma de cuncha. O acceso realízase por un gran arco de ferradura enmarcado por un alfís e apoiado en pares de columnas a cada lado procedentes do mihrab da ampliación de Abd al-Rahman III. Arco, alfís e enxutas van ornamentados con revestimento musivario (mosaicos) de teselas de ouro bizantino enviadas polo mesmísimo basileus, empregando como elementos ornamentais epigrafía, motivos vexetais e formas xeométricas.
Nesta ampliación aplícanse tódalas novidades plásticas que se estaban a fraguar no taller do Palacio de Madinat al-Zahara, dándolle o enorme esplendor e prestancia mencionados.
A terceira e última ampliación prodúcese durante o califato de Hixem II, por decisión do todopoderoso Almanzor. Derrubando o muro oriental amplía o haram con oito naves novas cara ó Leste (non se podía ampliar en dirección Sur polas murallas, nin ó Suroeste porque estaba o palacio) paralelas ás xa existentes ó tempo que se amplía o patio. En consecuencia o mihrab e a nave axial quedan descentrados
Malia que a ampliación de Almanzor carece de relevancia artística – por exemplo a bicromía non responde á diferencia de materiais, todo é en pedra calcaria pintada diferencia as doelas-, foi continuadora do estilo marcado o que contribúe definitivamente a que todo o espazo interno da mesquita da sensación de uniformidade, debido á sucesión de naves idénticas e o predominio da horizontalidade. Dado que carece de fiestras, resulta escuro, pero esa penumbra favorece un clima intimista.
En conxunto, o enorme haram coa súa profusión de soportes e con límites que se perden na penumbra parecía ser un espazo infinito. Ningunha outra construción anterior lograra unhas salas hipóstilas tan amplas e feitas con recursos tan simples
Pola contra, o exterior carece de relevancia, non existe concepto claro de fachada. No perímetro abríanse ata dezaoito portas, ningunha no muro da kibla. Só se conserva a chamada Porta de Santo Estevo, en realidade denominada “Porta dos Ministros”, posiblemente é a máis antiga e serviu de modelo ás demais. Situada entre dous poderosos contrafortes, disponse a modo de fachada tripartita, a parte central co acceso baixo arco de ferradura prolongado a metade da lonxitude do radio e alfís; ós lados arcos cegos e pequenas fiestras rectangulares; sobre a porta novamente tres arcos cegos, e máis arriba unha especie de tellado e merlóns escalonados, que tamén rematan toda a parte superior do edificio. O aspecto xeral ten carácter macizo, reforzado pola abundancia de contrafortes, e defensivo polo seu remate almeado.
Despois da conquista de Granada polos Reis Católicos, a mesquita converteuse en templo cristián. A catedral, incorporada no s. XVI, sobresae por riba da mesquita (instrucións de Carlos V), ademais transformáronse espazos internos para adecuala ás novas necesidades (Capela de Villaviciosa).







0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir