06/09/2010

FIDIAS, relevos Partenón



FRONTÓNS





CATALOGACIÓN (grupo das tres deusas, lado dereito do frontón oriental)

Recoñecemento da obra. Grupo escultórico figurativo pertencente ó frontón oriental do Partenón no que se narra o nacemento de Atenea en presencia das deidades olímpicas. O templo levántase no parte máis relevante da Acrópole de Atenas.
Tema e personaxes representados. O tema é mitolóxico. Segundo a mitoloxía, Atenea naceu, adulta e armada, da cabeza de Zeus, como a encarnación dunha idea. A parte central, hoxe perdida, amosaría o nacemento e cara ós lados distribúense deuses e deusas, neste caso estas tres figuras femininas do lado dereito son interpretadas como Leto, Artemisa e Afrodita (para outros, Hestia, Dione e Afrodita; e aínda outros as interpretan como as Parcas). Nos extremos angulares, o espazo de menor cabida, asoman as cabezas dos cabalos das cuadrigas de Selene, a Lúa, e Helios, o Sol.
Función. Se xa o Partenón estaba dedicado a Atenea, a deusa protectora da cidade, tamén os frontóns serven a honrar a deusa narrando o seu nacemento neste frontón e o seu triunfo sobre Poseidón polo dominio da Ática, no frontón occidental.
Técnica. Tecnicamente trátase de escultura exenta pois como tal están labradas, sen embargo ó se adosar ó tímpano do frontón convértense nun relevo, nun relevo de gran volume que chega incluso a superar o marco físico que o acolle.
Material. Está realizadas en mármore branca do Pentélico.
Estilo e datación. Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno da segunda metade do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
Autoría. O conxunto escultórico de todo o Partenón (Atenea Parthenos, metopas, friso das Panateneas e os dous frontóns) son obra de Fidias e dos traballadores do seu obradoiro. Neste caso faise ben patente a man de Fidias no tratamento de panos e na composición, como logo indicaremos. 
A morte de Pericles supuxo a caída en desgraza do escultor que foi acusado de quedarse con parte do ouro da Atenea Parthenos e, a pesares de demostrar a súa inocencia, acabou sendo encarcerado acusado de impiedade baixo o pretexto de ter incluído o seu retrato baixo o escudo da deusa. Rematou por exiliarse en Olimpia, onde para o seu santuario esculpiu unha estatua crisoelefantina colosal de Zeus, considerada unha das sete marabillas do mundo (hoxe perdida).
Certamente a beleza e grandiosidade das súas esculturas xustifica que se lle chamara o escultor dos deuses.
Localización. Non se pode rematar sen aludir á problemática destes mármores, os coñecidos como mármores de Elgin. Lord Elgin, embaixador británico no Imperio Otomano á quen pertencía Grecia, obtivo permiso a primeiros do s. XIX para levar da Acrópole calquera peza que encontrase derrubada. Quería decorar a súa mansión escocesa. Pero ademais de recoller o que estaba no chan arrancou metopas, parte do friso das Panateneas e dos frontóns, ademais de diversos elementos arquitectónicos, para o que houbo que cortar as pezas destruíndo parte do edificio. Posteriores problemas económicos obrigáronlle a vender as pezas ó goberno británico quen, superando certas reticencias no Parlamento, os comprou. Pasaron a ser expostos no Museo Británico, onde permanecen na actualidade pese ás insistentes reclamacións dos gregos (recordar o comentado ó falar do Partenón).

CONTEXTO

Grecia non constituía un estado ................
................
.... (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. 

No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras obras en vulto redondo do período arcaico, pero desde aí os escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume Os principais escultores desta etapa son, xunto con Fidias, Mirón e Policleto 

ANÁLISE

A primeira dificultade que o escultor tiña que afrontar era o espazo destinado á obra, un triángulo de grandes dimensións (máis de 30 m de longo e case 1 m de profundidade). Ademais debía narrar uns feitos que, aínda que mitolóxicos, eran por todos coñecidos e narralos dun xeito ordenado e claro.
O primeiro problema queda solventado coa labra exenta das colosais figuras suxeitas ó tímpano por medio de barras metálicas, e coa súa colocación no primeiro plano, incluso nalgúns casos parte da escultura excede a cornixa, por exemplo as cabezas de cabalo (ver exemplo). Está claro que esta configuración está determinada pola visión de abaixo-arriba que fai o espectador, é dicir tiñan que ser o suficientemente visibles para acadar o seu significado.
O segundo problema, que ten que ver tamén coa necesidade de proporción (compara o que pasa neste frontón de Corfú, sometido á lei do marco) ven resolto variando a disposición e as posturas. No centro estarían de pé (Atenea) ou sentados en altos tronos (Zeus e Poseidón), desde aí e ó abeiro da pendente do triángulo, as figuras aparecen sentadas, recostadas, tombadas, individualmente ou en grupos, ata chegar ós ángulos coas cabezas dos cabalos. Deste modo lograse manter a proporción.
E a fin de dinamizar a composición, aínda que sen perder o equilibrio, establece grupos e xera un movemento que se expande desde o centro coas aptitudes e as miradas, nin sequera Zeus ocuparía o centro xeométrico da composición senón que estaría un tanto desviado á esquerda, rompendo así a estrita simetría. Nada se repite, todas as posturas son distintas, cambia a disposición das pernas, dos brazos, das cadeiras e das cabezas. Introduce marcados escorzos como nos xeonllos que se proxectan con contundencia cara ó espectador.
Hai nesta asemblea de deuses serenidade e maxestosidade, humanidade nas relacións, pero tamén movemento como se constata na axitada túnica - o khiton- de Iris, movida polo vento na súa veloz carreira (¿para dar a coñecer a noticia?) e no manto que se infla coma unha vela.
No tratamento escultórico apreciase a técnica fidíaca: elegancia nas disposicións; grave serenidade nos rostros -nos poucos que se conservan-; adecuación a un canon clásico próximo ó das sete cabezas do Dorífero de Policleto;  ampulosas roupaxes con moitas pregas tratadas como panos mollados que transmiten as anatomías -osos e músculos-, crean volume, aportan sensualidade e xeran un forte xogo de luces e sombras; diferencias de texturas (fíxate na imaxe inferior) nas telas, sobre o delgado e lixeiro himation que cae en finas pregas, un pesado khiton de pregas máis amplas e fondas.
A pericia na disposición das figuras vai acompañada dun novo logro recentemente descuberto: a plasmación do corpo humano en calquera posición ou movemento podía servir para reflectir a vida interior, estaba a representar os movementos da alma, unha maior expresividade que supera o insulso equilibrio espiritual do período severo.
Indicar tamén que se supera a frontalidade, e así  neste grupo das tres deusas xoga con tres disposicións diferenciadas de esquerda a dereita: frontal, diagonal e de perfil. Á dereita Afrodita, contempla, allea ó que sucede, a inmersión do carro de Selene nas ondas do océano. A deusa da esquerda, semella estar a piques de levantarse disposta a participar nos acontecementos que suceden á súa dereita. Iso si o escultor tende sempre a que ombreiros e rostros xiren cara ó espectador.
É preciso recordar que  as esculturas estaban policromadas, ás veces en cores moi vivas, das que quedan algúns restos especialmente nas vestimentas, e que a miúdo contaban con engadidos de metal. (restos visibles de pintura na imaxe da esquerda; abaixo, unha hipótese)



Como anotación engadida, destacar que a pegada de Fidias perviviu no tempo, o Adán de Miguel Anxo na Capela Sixtina moito ten que ver na súa disposición coa personificación do río Ilissos que aparece no frontón occidental. Observa a semellanza.


oriental.izq
Cuádriga de Helios saíndo do Oceáno, Dionisos, Démeter e Koré, Iris




FRISO DAS PANATENEAS




CATALOGACIÓN
Baixorrelevo, en conxunto bastante plano (uns 5 cm), pertencente ó friso interior do Partenón (Acrópoles de Atenas) que representa o desfile da celebración das festas das Panateneas, cando, cada catro anos, toda a cidade desfilaba tralas doncelas que levaban ó templo o peplo por elas tecido (lectura sobre a celebración). É un exemplo da importancia da cidadanía, nun sistema democrático como o ateniense os cidadáns libres da polis son os verdadeiros protagonistas, mais que os mesmos deuses
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo pleno do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles en Atenas, idade de ouro da arte grega, quen encargou a Fidias a reconstrución e embelecemento da Acrópole despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C. Ademais destes relevos, Fidias e os escultores do seu taller realizaron todas as demais esculturas do Partenón
A morte de Pericles supuxo a caída en desgraza do escultor que foi acusado de quedarse con parte do ouro da Atenea Parthenos e, a pesares de demostrar a súa inocencia, acabou sendo encarceado acusado de impiedade baixo o pretexto de ter incluído o seu retrato baixo o escudo da deusa. Rematou por exiliarse en Olimpia, onde para o seu santuario esculpiu unha estatua crisoelefantina colosal de Zeus, considerada unha das sete marabillas do mundo.

CONTEXTO

Grecia non constituía un estado senón que estaba politicamente organizada en poles independentes, a cidade-estado. Nun mundo no que os reis eran deuses, Atenas opta pola democracia (goberno do pobo). Os atenienses non eran súbditos senón cidadáns, homes libres nacidos na poles, e tiñan dereito a participar directamente na xestión da cidade a través da Asemblea, da que están excluídos os estranxeiros, os escravos e as mulleres, e dos tribunais que eran as bases do sistema.
O pensamento fundamentase, á diferenza dos seus contemporáneas, no antropocentrismo, o home é a medida de tódalas cousas, dixo o filósofo Protágoras. A relixiosidade non era dogmática, os deuses eran moi humanizados e tampouco había unha clase sacerdotal. Cada poles tiña os seus deuses locais, pero os máis importantes eran patrimonio colectivo do territorio grego, o que se concretaba na existencia de santuarios de peregrinación (Olímpia, Delfos...).
No século V, idade de ouro da arte grega, Atenas que controlaba ademais a Liga de Delos e polo tanto as súas riquezas, ocupa unha posición hexemónica. Coa morte de Pericles, entra en decadencia, non houbo dirixente algún capaz de manter a súa supremacía, sendo Esparta a que termine por impoñerse tras das guerras do Peloponeso entre a Liga de Delos e a Liga do Peloponeso. Pero eses mais de 50 anos baixo o mando de Pericles foron tempos de euforia que se plasmaron na restauración da Acrópole, na limitación do poder das oligarquías, no asentamento da democracia e na expansión do modelo a outras cidades.
Se a base artística está na arte prehelénica de Creta e Micenas, Grecia aporta o antropocentrismo, o pensamento crítico como principio reitor do saber e a consecución da beleza ideal (mundo das ideas de Platón) por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía. No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras esculturas, pero desde aí os escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume
Os principais escultores desta etapa son, xunto con Fidias, Mirón e Policleto

ANÁLISE

Centrándonos nas esculturas e relevos do Partenón, estas tiñan por finalidade proclamar a gloria de Atenea e de Atenas. Este friso é un exemplo único de toda a arquitectura relixiosa grega
Como o relevo é bastante plano e se ubica na parte alta interior, pouco iluminada, contrarrestarouse este inconveniente inclinando lixieramente cara ó exterior os bloques de mármore que así reciben luz desde abaixo.
A procesión arranca do ángulo sudoccidental desde onde segue dúas direccións, unha polos lados oeste e norte e outra polo lado sur, para confluír no lado leste. No punto de arranque están os organizadores e os primeiros grupos de xinetes, que son os primeiros en desfilar o que subliña a importancia da cabalería. Todo o lado oeste, e parte do norte, continúa a cabalgada de xinetes e carros, segue logo o desfile a pé cos anciáns portadores de ramas, os músicos, os augadores, os condutores das vítimas para o sacrificio (ovellas, carneiros e tenreiras). No lado sur repítese o mesmo esquema: xinetes, carros e desfile a pé. No lado leste conflúen as duas ramas do desfile procesional, diante dos deuses que contemplan a entrega do peplo sdesde a esfera olímpica, sen que a súa presenza sexa advertida polos humanos. Un dos grupos máis coñecido é o constituído por Poseidón, Apolo e Artemisa, aqueles dous conversando.




Orixinalmente o obra iría policromada, posiblemente sobre un fondo azul, pero non se conserva pegada algunha do colorido.
Tratase dunha obra de carácter narrativo que describe un acontecemento real con personaxes reais, na que se reflicten os trazos característicos do traballo de Fidias: elegancia nas disposicións, grave serenidade dos rostros, adecuación a un canon clásico próximo ó Doríforo de Policleto, ampulosas roupaxes con moitas pregas tratados coma panos mollados que transmiten as anatomías, suxerencia de profundidade, efectos de luz e sombra, sinuosas composicións. As figuras humanas adquiren unha dignidade que case as converte en deuses
Compositivamente a disposición é sinxela, poucas posibilidades cabían no tema dunha procesión ademais tan longa. As figuras dispóñense linealmente cunha verticalidade rítmica que podía resultar moi ríxida e repetitiva sobre un fondo neutro sen referencias paisaxísticas. Pero Fidias soubo dinamizalo con distintos recursos, en primeiro lugar coa diversidade dos grupos que se suceden: xinetes, aurigas, doncelas, músicos, portadores de ofrendas para o sacrificio, sacerdotes, maxistrados atenienses,.. en segundo lugar pola agrupación mais ou menos numerosa que oscila entre figuras individuais, grupos de dúas ou tres persoas ata os grandes grupos de xinetes, o que tamén serve para variar as disposicións, as posturas, e por último variando as separacións entre os grupos. Indicar tamén que se supera a frontalidade pois avanzase de perfil, se ben e cun xesto elegante, os ombreiros e os rostros viran cara ó espectador
Non hai dúas figuras iguais nin están illadas, pola contra semellan falar, detéñense, adoptan actitudes e expresións distintas, é como se un rumor acompañara o desfile. Inclúe detalles anecdóticos como o cabalo que se encabrita ou o boi que se resiste de modo que o conxunto acaba por resultar naturalista e verista. Pero nunca se quebra o ritmo acompasado nin a severidade da escena
A pericia na disposición das figuras vai acompañada dun novo logro recen descuberto: a plasmación do corpo humano en calquera posición ou movemento podía servir para reflectir a vida interior das figuras representadas. Estaba a representar os movementos da alma.
As vestimentas, tamén diversas desde os peplos ata as clámides, cobren os corpos con abundantes pregas, particularmente nas doncelas, pero transmiten as anatomías pois están tratados como panos mollados e suxiren o movemento
Para representar o espazo recorre á seriación oblicua moi notable no caso dos xinetes que chegan a ser sete en fondo (serie de cabezas e patas dos cabalos), non quedan claramente sinalados os planos de profundidade pois non se gradúa o resalto do relevo nin se modifican os tamaños, é a superposición das figuras e a súa disposición diagonal a que suxire a profundidade. Estamos pois aínda lonxe da conquista da terceira dimensión pero certamente comézase a avanzar nesa liña
Posto que ía na parte alta e pouco iluminada, as placas de mármore están inclinadas cara á fora na súa parte superior para así recibir algo de luz desde o chan
A pesar de que o conxunto presenta un estilo propio, coñecido como estilo Partenón, é seguro que non todos os relevos son debidos á man de Fidias, si o programa escultórico, moitos serían executados polos discípulos que traballaban no seu taller, sempre respectando a cohesión estilística definida pola elegancia, a fluidez do modelado e a verosimilitude, a beleza ideal, o equilibrio emocional e a elegancia.
Un antecedente sería o friso dos tributarios no palacio Real de Persépolis da arte persa, pero a significación neste caso era moi diferente, alí son os súbditos que se someten ó rei, mentres aquí son cidadáns libres nunca celebración cidadá. E unha obra posterior cun significado similar, os relevos da Ara Pacis, arte romana, pero este adquire un carácter de propaganda política que en absoluto existe nas Panateneas.
Non se pode rematar sen aludir á problemática destes mármores. Lord Elgin, embaixador británico no Imperio Otomano á quen pertencía Grecia, obtivo permiso a primeiros do s.XIX para levar da Acrópole calquera peza que encontrase derrubada. Quería decorar a súa mansión escocesa. Pero ademais de recoller o que estaba no chan arrancou metopas, parte do friso das Panateneas e dos frontóns ademais de diversos elementos arquitectónicos, para o que houbo que cortar as pezas destruíndo parte do edificio. Posteriores problemas económicos obrigáronlle a vender as pezas ó goberno británico quen, a pesar de certas reticencias no Parlamento, os comprou. Pasaron a ser expostos no Museo, onde permanecen pese ás insistentes reclamacións dos gregos.





0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir