06/09/2010

PANTEÓN






CATALOGACIÓN

Arquitectura de carácter relixioso, un templo romano na cidade de Roma dedicado a distintos deuses que terían as estatuas colocadas nos diferentes nichos que alternan no interior do muro.
A súa datación é complexa debido ós cambios sufridos.
A inscrición no friso reza: M. AGRIPPA L. F. COS. TERTIUM FECIT (Marco Agripa, fillo de Lucio, cónsul por terceira vez, o fixo). Vemos que en tempos de Agripa, lugartenente e xenro de Augusto, xa se fraguou a idea de construír un templo que servise de acollida ós numerosos deuses existentes en Roma (panteón = todos os deuses, de etimoloxía grega), especialmente a Venus e Marte. O terceiro consulado de Agripa, sitúanos no 27 a.C.
Sabemos que tempo despois aquel primeiro edificio sufriu as consecuencias do incendio do Campo de Marte do ano 80 d.C., e restaurouno logo Diomiciano.
O edificio actual, malia a inscrición, é unha construción realizada en tempos de Adriano, xa na primeira metade do s. II, entre o 118 e o 125, novo desde os cimentos. Adriano levou a cabo unha política de pacificación, ordenou a primeira codificación do dereito civil e reestruturou a administración; para asegurar a paz reforzou as fronteiras en Escocia, coas murallas de Adriano que aínda sobreviven en parte, no Rhin e no Danubio.
En canto á autoría é dubidosa aínda que tende a atribuírse a Apolodoro de Damasco, un grego como era usual nas edificacións romanas. De Apolodoro sabemos que foi o arquitecto oficial de Traxano e como tal realizou a grande ponte sobre o Danubio (nas Guerras Dácicas), urbanizou o Foro de Traxano, as Termas de Traxano, os Mercados Traxanos e a lonxa ou Aula Rexia que os coroaba. É tamén considerado autor da Columna de Traxano. En todas estas obras, o seu xenio achega novidades técnicas realmente orixinais e ousadas. Por isto se apunta coma posible autor do Panteón, pois que só alguén do seu talento puido construír un edificio así; aínda que tamén é certo que xa en época de Adriano a antipatía que ambos se profesaban o afastou dos programas construtivos oficiais. En todo caso, a autoría non ten maior relevancia na arquitectura romana, o relevante é quen encarga as obras, é dicir o Estado, polo que sempre son símbolo do poder imperial ó tempo que se someten ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas
Na construción empregáronse materiais diversos, como explicaremos no análise da obra, sendo fundamental o formigón romano.
Segundo o esquema habitual, estaba ubicado nos foros imperiais e, na súa concepción orixinal, o templo alzábase ao fondo dunha praza porticada, que nunca se levou a cabo.


CONTEXTO
Sendo a súa datación o século II d.C., a obra pertence ó período do Imperio creado por Augusto e que agora está no momento de máxima expansión, recordemos que o Mediterráneo era o Mare Nostrum. A unidade do Imperio ven dada pola romanización que impoñen en todas as terras conquistadas
A nivel artístico, os romanos teñen influencias do pasado ó tempo que suman trazos das zonas ocupadas: dos gregos toman a idealización aínda que con maior tendencia realista (o platonismo é substituído polo aristotelismo), de Oriente, o sentido ornamental e de luxo, dos etruscos, o retrato, o culto ós mortos, o arco de medio punto, o emprego de bóvedas, a orde toscana.
A este eclecticismo engaden a súa personalidade dominada polo sentido práctico. Fan unha arte ó servizo do Estado, que serve como propaganda política. De aí ven o carácter monumental e grandioso das obras; a importancia do retrato, retrato de poder; a planificación urbanística con cidades ex novo de plan ortogonal (ó modo dos planos hipodámicos gregos e dos propios campamentos militares) e as grandes obras de enxeñería: acuedutos, pontes, calzadas,...
O promotor é o Estado xunto coas corporacións locais, pero tamén os patricios se converteron en comitentes. O artista, moitos deles gregos, era unha figura anónima, considerado un mero artesán que domina unhas técnicas.
Na arquitectura seguramente é onde se mostran as súas propias achegas. Se adoptan dos gregos, as ordes, a forma dos templos, elementos ornamentais, sen embargo introducen modificacións (ordes toscana e composta, emprego de bóvedas de aresta, de canón e cúpulas, e arcos de medio punto) pero sobre todo modifican radicalmente a concepción edilicia: ó primar a importancia dos espazos internos que non existía en Grecia. Xunto a isto empregan novos materiais e novas técnicas construtivas no que foi fundamental o cemento. Paralelamente multiplican os tipos de construcións (anfiteatros, arcos de triunfo, termas, basílicas) e se amosan como grandes enxeñeiros na realización de calzadas, acuedutos, pontes ademais das murallas que rodeaban as súas cidades, como exemplifica a muralla de Lugo.

ANÁLISE.................. visita virtual

O Panteón é o edificio máis grandioso de todo o mundo antigo. Erguiríase no fondo dunha praza porticada que enmarcaría o edificio e ampliaría a súa visión externa afirmando toda a súa grandiosidade. As proporcións e a estrutura son representativas da concepción relixiosa dos romanos: a morada de tódolos deuses, na que pretendían centralizar a gran variedade de cultos do seu cosmopolita Imperio.
En planta diferéncianse tres partes, tamén de distinta altura en alzado: unha pronaos, un corpo intermedio e a cella circular. É esta enorme planta circular, símbolo do acollemento ofrecido a tódolos deuses, a que obriga a unha solución arquitectónica moi atrevida, onde se pon de manifesto a excelente capacidade técnica dos enxeñeiros romanos.





 Partes
Fagamos o percorrido desde o exterior
-O grandioso pórtico que constitúe a fachada está levantado sobre un basamento de cinco escalóns dianteiros -hoxe soterrados- e actúa a modo de pronaos, seguindo os principios da arquitectura grega, unha arquitectura arquitrabada. En alzado presenta oito columnas na fronte, octástilo por tanto, e outras dúas nos laterais. As columnas son de fuste liso monolítico de granito exipcio sobre basas e con capiteis corintios, estes en mármore branca; segue o entaboamento con un arquitrabe con tres bandas horizontais, un friso coa inscrición e a cornixa saínte; remata en frontón cuxo tímpano perdeu os relevos que o ornamentaban seguramente esculturas en bronce.



No interior, dúas filas de columnas do mesmo tipo que as exteriores configuran tres naves a modo de propylon, a central máis ancha conduce ás  xigantescas portas de bronce que dan acceso á cella mentres que as laterais rematan en dous nichos que albergarían estatuas, posiblemente de Agripa e de Augusto.
Cóbrese exteriormente con tellado a dúas augas sobre cerchas de madeira. Toda a cuberta apoia sobre muro levantado sobre arquitrabes, e no caso do muro central, elevado por unha pequena arcada de medio punto para mellor distribuír os empuxes da cuberta.




- O corpo intermedio rectangular serve para conectar pórtico-pronaos e cella, que posúen plantas distintas. Alberga os dous machóns, un a cada lado da porta de acceso, coas escaleiras que soben ó tellado. Está construído en opus latericio. A grandiosa porta de dúas folla en bronce é alintelada e queda acubillada baixo arco de medio punto.

- A cella circular, influencia grega que ven dos tholos micénicos, é sen dúbida o elemento máis salientable. A medida do diámetro  en planta é a mesma que a do diámetro en altura ó nivel da clave da cúpula, o que crea no interior unha sensación espacial única nun tamaño, sen apoios, ata entón nunca visto.


A espectacularidade deste espazo subliña un cambio conceptual: por primeira vez na arquitectura clásica ten maior importancia o interior que o exterior. A suma do trazado circular da planta e a esfericidade da cúpula centraliza o espazo xerando unha sensación espacial única chea de harmonía.
O alzado interior cilíndrico conxuga de xeito harmónico a tradicional arquitectura arquitrabada grega coas liñas abovedadas propias das obras romanas. A esta harmonía responde a división horizontal do muro en dúas partes separadas por un entaboamento: o nivel inferior do anel con  xogo de exedras e o superior cun ático que serve de tambor para soportar a cúpula.

--- O anel mural semella unha potente estrutura arquitectónica ficticia que oculta todo o sistema estrutural que sostén a cúpula. No muro, entre os machóns, alternativamente exedras trapezoidais e semicirculares, máis outras dúas que se corresponden coa porta e a ábsida de maior tamaño, cuberta por bóveda de cuarto de esfera. As exedras quedan enmarcadas entre piares e cerradas por dúas columnas en ambos casos de orde corintia. No pano de muro libre dianteiro, pequenos templetes coroados por frontóns triangulares e curvos alternando. 
Se as exedras marcan os eixes de simetría horizontal, non se renuncia á concepción axial ó conectar a porta e a exedra maior (antecedente das ábsidas basilicais), ambas -aínda que a porta é alintelada, con grandes arcos de medio punto á nivel do ático. O eixo vertical virá marcado polo óculo da cúpula.



O chan, pavimentado con lousas de mármore de distintas cores e facendo debuxos xeométricos, é lixeiramente convexo para poder evacuar a auga.

--- O corpo seguinte ven dado por un ático á altura do arranque da bóveda. Revestido de estucos, orixinalmente contaba con fiestras, que aumentaba a sensación de luminosidade interior, que se correspondían aos dezaseis edículos e que foron cegadas no XVIII.
--- Toda a parte «cupulada» presenta casetóns, que diminúen o tamaño en altitude, o que acentúa a sensación de abstracción, agudizada polo óculo circular de 9, de diámetro, o único punto de entrada de luz e de ventilación, que ilumina homoxeneamente (sen sombras) e de forma difusa, tranquila e suave toda a estancia. Está decorada con casetóns de tamaño escalonado que igual que o muro van diminuíndo de tamaño en altura.



A técnica construtiva
A cúpula convértese nun fito construtivo, as súas medidas e mailo seu enorme peso fan dela a máis grande construída ata entón (e ata a de Brunelleschi), e os problemas que presentaba o seu asentamento supuxeron un reto que acabou por demostrar o enorme nivel técnico dos construtores romanos. 
Podemos analizalo revisando as necesidades e solucións creadas para lograr manter en pe a enorme cúpula

  • En primeiro lugar era preciso contar cunha poderosa base por iso o poderoso anel mural de 6 m de grosor realizado en formigón entre dúas paredes de ladrillo, en fiadas horizontais superpostas reforzadas con tongas horizontais e concéntricas de ladrillos grandes, colocadas cada 1'5 m. 
  • Ese anel debía ser reforzado para concentrar e apuntalar os empuxes laterais (as cúpulas empuxan cara ó exterior). Tal finalidade consíguese por dous medios: os arcos de descarga de ladrillo e os grosos machóns. Os primeiros quedan ocultos no muro e dispostos sobre as exedras interiores, é dicir, entre os piares, de xeito que os empuxes van directamente sobre estes grosos machóns de 6 m de grosor que quedan igualmente ocultos dentro do anel murario. Realmente son eles os auténticos soportes do peso da cúpula.

  • E agora un  pequeno engano: a parte inferior da cúpula queda embutida no muro que actúa así como un contraforte. Isto fai que exteriormente non sexa unha media esfera.



  • O último paso era alixeirar o peso, o que se logrou por varios medios: construíndoa cun dobre muro paralelo recheo de de materiais liviáns (escoura volcánica, ánforas de cerámica, etc.) [esta imaxe -tomada de algargos.la coctelera.net, corresponde á arte bizantina, en San Vital de Rávena, pero mostra como era o sistema con recheo de ánforas e campás de cerámica], máis liviáns a maior altura (abaixo, ladrillos de toba, e arriba pedra pómez) o que evitou empregar costelares de trabazón. En segundo lugar, diminuíndo o grosor en altura, de tal xeito que partindo co mesmo grosor do cilindro, 6 m, a nivel do óculo só ten 1'5 m de grosor. E por último cos casetóns recortados e afundidos -eliminan material-  no casquete.


Este sistema tan perfectamente estudado no reparto de cargas, non só explica a ausencia de contrafortes exteriores, así innecesarios, senón que, ademais, fai posible que os seus autores se permitan o luxo de abrir no muro, cara ó interior, un total de oito vanos das exedras e a porta, entre os piares, e aínda baleira-lo núcleo dos mesmos machóns e abrir alí cámaras semicirculares.
Ornamentación
O aspecto interior do cilindro sería espectacular, pois estaría recuberto con placas de mármore e estuco na súa parte superior, ben distinta da imaxe actual. Pola súa banda, a cúpula debíase recubrir con tellas de bronce dourado, escintilantes coa luz e que habían alterar enormemente a imaxe actual, espida e descarnada. Luz que procede do óculo central e que viaxe 43 m para simboliza a  conexión dos ceos co mundo terreal.
Exterior 
Os niveis en altura van separados por liñas de impostas. En oposición ó pórtico con materiais nobres, sorprende o muro da cella en ladrillo visto, pero temos que pensar que os materiais construtivos quedarían ocultos tras dun revestimento de mármores e estuco hoxe perdido.
En canto á cúpula, no seu aspecto exterior perde a imaxe de media esfera pois, como antes indicamos, a parte baixa queda embutida no muro. Está composta por sete aneis superpostos orixinariamente recubertos de placas de bronce.


Síntese
En conxunto, a obra ten unha importancia singular polo dominio técnico da construción pero sobre todo polo novidade sinalada de arquitectura como creadora de espazos interiores, sen especial interese polos volumes exteriores.
Grecia creaba edificios para ser vistos desde fora que era onde se reunía o pobo para as celebracións relixiosas, Roma crea unha cuncha cunha simboloxía espacial: o círculo representa a harmonía, a perfección e a bóveda celeste que acolle ás divindades, e o óculo sería a vía de comunicación entre os dous mundos. Neste escenario, podemos imaxinar o Emperador como un auténtico Cosmocrator ou señor do Cosmos. 


O devenir e a súa transcendencia
O Panteón utilizouse desde a época bizantina como igrexa transformando en altares os nichos laterais, ó doalo o Emperador Focas ao papa Bonifacio VII e este dedicalo ó culto de Santa María ad Mártyres. Sufriu máis espolios ó longo do tempo: arrincáronse as tellas de bronce dourado da cúpula e os bronces que cubrían as vigas do pórtico utilizounas Bernini para o Baldaquino de San Pedro
A repercusión posterior deste edificio centralizado foi moi importante, será modelo para mausoleos e baptisterios, pero particularmente é no Renacemento cando se retoma directamente a construción de grandes cúpulas como na catedral de Florencia por Brunelleschi ou en San Pedro do Vaticano por Miguel Anxo, quen dicía do Panteón que o seu deseño parecía anxélico e non humano.


Como curiosidade podes ollar este vídeo no que pétalos de rosa entran polo óculo no día de Pentecostes.



0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir