7 de set. de 2010

SAN VITAL DE RÁVENA: XUSTINIANO E A SÚA CORTE

PASA O RATO SOBRE AS FIGURAS E OS OBXECTOS
OS PERSONAXES PRINCIPAIS TAMÉN PODERÁS AMPLIALOS

XustinianoBispo MaximianoXeneral BelisarioBanqueiro Iuliano ArgentarioGarda imperialCargos eclesiásticosXeneralCruzCrismónPatenaEvanxelioIncensario

CATALOGACIÓN
Panel realizado en mosaico que representa a Xustiniano e a súa corte e que se encontra na igrexa de San Vital de Rávena (Italia), concretamente no espazo que precede a ábsida.
Corresponde á arte bizantina do s. VI, na Primeira Idade de Ouro, época de Xustiniano. De autoría anónima, serían realizados por talleres especializados que se desprazaban dunha cidade a outra, contarían tanto cos artesáns que colocaban o mosaico como con deseñadores.
A igrexa foi erixida para conmemorar a vitoria do Imperio Romano de Oriente, por obra do xeneral Belisario, sobre os ostrogodos, o que equivalía ó triunfo do cristianismo sobre a herexía do arrianismo que practicaban os invasores bárbaros
Toda a ábsida, a partir do zócolo de mármores de cores, está revestida de decoración musivaria. Na zona intermedia aparecen a cada lado dous paneis, ó lado esquerdo, lado do Evanxelio, este de Xustiniano coa ofrenda da patena, e ó lado dereito, lado da Epístola, Teodora, a emperatriz, e o seu séquito coa ofrenda do cáliz. Na parte alta, sobre un fondo dourado e de vexetación onde manan os catro ríos do Paraíso, Cristo en maxestade; á esquerda un anxo presenta a San Vital, que vai recibir a coroa do martirio, e á dereita, outro anxo presenta o bispo Eclesio, que porta a maqueta da igrexa. Os nomes aparecen sobre as súas cabezas
O programa iconográfico está a reflectir a consagración da igrexa e a oblatio –ofrenda a deus- imperial no ano 547, pero cunha significación engadida. No alto emperador celestial e xusto debaixo, o emperador terreal, en definitiva está a subliñar que o pode rdo emperador está xustificado por Deus, é o cesaropapismo representado en imaxes. Certo é que sabemos que ningún dos dous visitou Rávena aínda que si enviaron ofrendas

CONTEXTO
O mesmo que Santa Sofía de Constantinopla

ANÁLISE
A técnica do mosaico, ornamentación arquitectónica realizada xustapoñendo pequenas pezas de cores, denominadas teselas, que combinadas compoñen motivos xeométricos e figurados, ten unha orixe moi antiga. Foi utilizado xa polos gregos, principalmente no helenismo, empregando cantos rodados e como pavimento. Os romanos, ademais de innovacións técnicas –teselas de pasta vítrea-, introduciron un cambio fundamental, o mosaico subiu ás paredes e, coa arte cristián, pasou tamén ás bóvedas, recordemos o Mausoleo de Santa Constanza.
Pero é a arte bizantina onde o mosaico amosa unha mestría inigualable: empregan teselas recubertas de prata ou de ouro –incluso pedras preciosas-, con distinta inclinación para resaltar os reflexos de luz, os deseños fanse máis complexos e os lenzos esténdense por todas as superficies.
Tecnicamente, era preciso comezar por impermeabilizar a parede cunha capa de betún, resina ou alquitrán, logo superporíanse capas de morteiro con distintos compoñentes (gravas, cal, terracota), na derradeira capa faise o debuxo por incisión e vanse colocando as pezas de acordo co deseño previo realizado sobre cartón a tamaño natural e coas cores a empregar.
As representacións, como neste grupo de Xustiniano, organízanse en paneis delimitados por cenefas decorativas.Cada panel recolle unha escena independente, pero sempre cun espazo único, aquí o espazo no que suceden os feitos queda enmarcado entre súas columnas.
Tratemos agora o contido iconográfico deste mosaico. No centro, Xustiniano en actitude oferente, coa clámide púrpura signo de dignidade imperial suxeita cunha grande fíbula de ouro e pedras preciosas, coroado e con aureola de santidade –de novo o dobre poder-, está en primeiro término. Á súa dereita os seus xenerais, identificable pola barba Belisario, e soldados da garda real, un deles leva un escudo co crismón do Salvador, emblema do Emperador Constantino. Á súa esquerda, os representantes da Igrexa triunfante, có arcebispo Maximiano identificado pola inscrición do seu nome sobre a súa cabeza, portando a cruz; detrás o banqueiro Xuliano que sufragou a construción; os outros dous portan un libro, os Evanxelios, e o incensario. O grupo completo, todos en actitude solemne, ven a presentar ao Emperador e os seus poderes: o exército e a Igrexa.


Todos están de pé, en disposición frontal, en composición simétrica, con Xustiniano como eixo central, ocupando todo o espazo, habitual tendencia ó horror vacui, e á mesma altura, isocefalia, se ben Xustiniano destaca polo principio de xerarquía Están inmóbiles, hieráticos, só nos rostros, destacan as miradas penetrantes dos ollos amendoados, polas que asoma o espírito, que semellan ver máis aló do mundo terreal
A nivel estilístico abundan os convencionalismos dunha arte moi codificada na que formas e proporcións están previamente fixadas en estritas regras, de xeito que as figuras pasan a ser estereotipos de valor simbólico facilmente recoñecible. As figuras son planas, bidimensionais, sen volumen; non hai sombras nin claroscuros; o canon é moi alongado, a súa altura equivale a nove cabezas, e as proporcións aplícanse ó resto das partes, así o rostro divídese en tres partes iguais sen o nariz o módulo de medida (a idea de tres partes asimilase á Santísima Trinidad);
En canto ás fisonomías, estamos diante de retratos, polo menos de tres –Xustiniano, Belisario e Maximiano-, pero son retratos idealizados, de feito Xustiniano aparece máis novo do que era en realidade
O fondo plano presenta dúas cores, no alto o dourado, símbolo da divindade, e abaixo verde, a natureza. Non hai referencias espaciais concretas, só esa suma repetida do divino e o humano. Sobre ese fondo, as figuras avanzan cara ó espectador, en perspectiva invertida, de modo que as liñas de fuga saen cara ó exterior converxendo diante en lugar de facelo detrás. Os pés colocados en V, semellando flotar, e, nalgúns casos pisando uns a outros, teñen certo sentido de profundidade que tamén se pode constatar no grupo de soldados dispostos en planos distintos. En calquera caso, non quedan claros eses niveis de profundidade de modo que domina a planitude.


O colorido é suntuoso, ó que contribúe a riqueza das xoias e o dourado do fondo, logrado grazas á variedade cromática das teselas.
Para concluír, este mosaico, xunto co de Teodora, son obras de propaganda no que se subliña a primacía do poder civil sobre o relixioso, tratado con suma solemnidade.

 


Tes unha explicación da técnica dos mosaicos nesta entrada




0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir