31 de out. de 2011

SANTA COMBA DE BANDE






CATALOGACIÓN
A igrexa de Santa Comba de Bande, na provincia de Ourense, é unha obra arquitectónica de carácter relixioso edificada como parte dun mosteiro, recordemos que o monacato en Galicia tivo nestes tempo un gran desenvolvemento por impulso de San Fructuoso.
Resulta ser unha das poucas mostras da arte visigoda en Galicia, datada no século VII. Como obra visigoda, con engadidos astures posteriores -s.IX-, representa un dos estilos artísticos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica, que abrangue do s. V ao s. XI cando se produce a unidade estilística do románico.
O material construtivo e a pedra  de granito e o ladrillo para o abovedamento.

CONTEXTO
Cando os pobos bárbaros invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política a fractura da unidade artística que se materializa na rexionalización da arte. Fronte á unidade estilística anterior, agora entrase nunha etapa de diversidade.
Os visigodos, procedentes do sur de Francia de onde foron expulsados polos francos, fundan no s. VI un reino na Península Ibérica con capital en Toledo (abarca centro e oeste da península). Debido aos numerosos contactos con Roma, foi o pobo xermano máis romanizado, o que facilitou o tránsito entre a Hispania romana e o Reino visigodo. O único punto de fricción estaba a nivel relixioso dado que practicaban o arrianismo. Cando Recaredo se converte ao cristianismo a finais do s. VI, e tras del todo o reino, a integración consolídase. O dominio visigodo remata coa invasión árabe no 711.
En Galicia, por obra de Leovixildo, puxeron fin ao Reino Suevo no século VI, se ben xa desde o século anterior quedara na órbita de dependencia visigoda.
O século VII será o período de esplendor da arte visigoda, fundamentalmente na arquitectura pese a ser un pobo sen tradición construtiva, que resulta da da herdanza romana á que se suma a aportación cristina nos temas relixiosos, as influenzas orientais asumidas a través de Bizancio e os elementos ornamentais xermanos.
Entre os trazos arquitectónicos salientables convén destacar o emprego de arcos de ferradura, grandes cimacios e repetidas cenefas decorativas. As obras principais xunto coa que se analiza, proceden do ámbito rural pois as de cidades de maior relevancia foron destruídas polos musulmáns. Compre citar como exemplos os de San Juan de Baños e Quintanilla de las Viñas. 
Na ourivería encóntranse as mostras máis persoais deste pobo sen tradición edilicia pero con ela na elaboración de pequenas xoias engastadas de pedras preciosas. Os obxectos máis coñecidos son as coroas votivas.

ANÁLISE
A igrexa, de reducidas dimensións, realízase en perpiaños de granito de gran tamaño dispostos en fiadas irregulares, colocados a oso, con frecuentes engastallos (recortes en ángulo).
A planta, dentro da súa complexidade, responde ao gusto visigodo polas formas cruciformes inscritas nun rectángulo, con espazos interiores compartimentados, ábsida recta interior e exteriormente, e un  pórtico nos pés con tres vanos.
No caso que nos ocupa, existen seis dependencias anexas, todas cadradas: dúas nos lados do atrio con acceso desde el, outras dúas adosadas a elas con acceso desde o cruceiro, e outras dúas na zona da cabeceira con entrada desde a nave central. Sobre a súa función, admítese que as conectadas ao pórtico serviran de refuxio de peregrinos, mentres que as outras catro conectadas co interior do templo serían celdas dos monxes.
Destas seis dependencias só se conserva unha, a do lado norte da cabeceira, o que deixa a edificación cun aspecto máis sinxelo e rural.


Todo o interior, agás as estancias, é abovedado descargando sobre os muros: bóvedas de canón en ferradura nos catro brazos da cruz e bóveda de arestas no ciborio do cruceiro que se levanta sobre arcos de ferradura enxarxados. Todas realizadas en ladrillo coa técnica de espiña de pez ao modo romano.


A ábsida queda separada da nave do cruceiro por un arco toral de ferradura peraltado, sen doela clave, con doelas moi irregulares e de trasdós recto –ambos trazos propios do arco de ferradura visigodo, distinto do musulmán-. Catro columnas exentas, dúas a cada lado, soportan as impostas das que arranca o arco, son columnas con fuste monolítico de mármore negra reaproveitados de obras romanas -posiblmente do cercano campamento de Aquis Querquennis-, como indica a súa distinta altura e as diferenzas das basas, con capiteis de tipo corintio de tosca labra, tamén de influencia romana.

 

Sobre a bóveda da ábsida existiu unha pequena cámara á que só se podía acceder por unha fiestra interior situada sobre o arco toral (foi algo moi habitual na arquitectura astur). Hoxe queda aberta ao exterior porque se rebaixou o tellado da ábsida.
A decoración resulta sinxela e escasa, centrándose no capiteis, cimacios e impostas. Unha cinta sogueada percorre toda a liña de impostas do cruceiro e o arranque das bóvedas de aresta; unha orla a bisel formando de roelos de racimos e espigas de trigo percorre a ábsida e rodea a fiestra, está claramente conectada simbolicamente coa Eucaristía. A edificación viviu sucesivas restauracións, e esa cinta sogueada conecta coa arte astur do s. IX, mentres os roleos seguen o estilo visigodo. Tamén é de destacar a celosía da fiestra de mármore da ábsida, formada por semicírculos que cabalgan uns sobre outros.






A iluminación lógrase por pequenas fiestras con arco de medio punto na ábsida, hoxe parcialmente cegada, e outras catro nos lados do ciborio. 


No exterior os volumes aparecen claramente xerarquizados, van escalonándose desde o elevado ciborio ata os brazos do cruceiro e á ábsida, creando un efecto proporcionado e harmónico.
O muro en  grandes perpiaños , moitos reutilizados, un tanto irregulares amosa a perda da perfecta técnica romana pero son de gran fortaleza o que, xunto co pouco peso das bóvedas, evitou o emprego de contrafortes.
Os tellados son a dúas augas agás no ciborio que se realiza a catro augas e o pórtico a unha.
Este singular exemplar da arquitectura visigoda en Galicia sufriu a perda de partes da construción, engadidos como a espadana e as pinturas medievais da ábsida.

Unha visión global do interior 






A arte visigoda

Arte visigoda from Asun on Vimeo.






0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir