2 de nov. de 2011

ARQUITECTURA HISPANO-ROMANA: Acueducto de Segovia e Teatro de Mérida

ACUEDUTO DE SEGOVIA



Podemos recordar as xeneralidades sobre os acuedutos con este vídeo







CATALOGACIÓN
 
O acueduto, é unha obra romana de enxeñería pública destinada a levar auga desde un punto de captación da mesma ata un núcleo urbano salvando os desniveis que fora preciso, concretamente este que tratamos levaba auga a Segovia, aínda que neste momentos non sería unha cidade importante.
Discorre ó longo de 15 km desde o punto de captación ata o actual Alcázar que no período romano acollería a guarnición militar da cidade (trazado)
Data do século I d.C., ou primeiros do II, no período do Imperio. Non hai acordo se situalo en tempos de Augusto, de Claudio ou de Traxano.
Trátase dunha construción de carácter utilitario, claro exemplo das obras de enxeñería romana, sen autoría concreta, o que é habitual na arte romana, posto que o relevante é quen encarga e fai a obra, é dicir Estado. Deste xeito unha obra funcional, adquire un forte carácter propagandístico amosando o poder de Roma diante dos pobos conquistados,  neste caso en Hispania.
Responde aos principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas.

CONTEXTO

Sendo a súa datación o século I d.C., estamos no período do Imperio creado por Augusto e que agora está no momento de máxima expansión, recordemos que o Mediterráneo era o Mare Nostrum.
A chegada a Hispania producírase no marco das guerras púnicas (s.III a.C.), iniciando logo un proceso de conquista que culminaría co dominio do norte peninsular no s.I a.C.
........

ANÁLISE 
O acueduto está realizado en cantería de perpiaños (opus quadratum) toscamente cortados colocados a oso, é dicir sen argamasa que os una. A canle superior -specus- realízase en cachotería –opus incertum- e formigón –opus caementitum, unha mestura de cal, area e pedra-, revestida interiormente de opus signinum, engadindo ladrillo picado ó formigón, para impermeabilizala.
Coma en calquera outro acueduto foi preciso levar a cabo un estudio minucioso do terreo que permita escoller o trazado máis adecuado a fin de obter unha pendente suave e sostida, de xeito que a auga circule con regularidade -sen moita velocidade e sen atascarse- e non sexa preciso alongar en exceso o percorrido.
Nas piscinas limarias, espazos ensanchados na condución cun vaso fondo, decantábanse as impurezas que arrastra a auga en suspensión ou por arrastre. Servían ó tempo para evitar atrancos.
Esta parte do acueduto que se encontra na mesma cidade salvaba un barranco de máis de 28 metros, o que obrigou a elevar a canle de auga ata unha altura considerable. Xunto con este tramo a ceo aberto, e outros menores que se conservan, parte do acueduto discorría subterráneo.
Para logralo e manter a estabilidade empregan dobre arcada superposta de arcos de medio punto sobre piares de base rectangular, aínda que non uniformes. As columnas reservábanse con finalidades máis decorativas.
A primeira arcada apea en grosos piares, fortemente cimentados, de distinta altura para superar o desnivel do barranco e conseguir no alto a liña recta. Os tramos verticais van marcados por liñas de impostas que sobresaen en cornixa e serven de apoio ao seguinte tramo. Non desenvolven función de entibo -tirante- coma no caso do acueduto dos Milagros en Mérida.

Piares inferiores e superiores apean nunha basa cadrada a modo de plinto e carecen de capitel, rematando novamente en cornixas. Todos estreitan en altura.
A arcada superior, con arcos de luz algo superior, repite o esquema da inferior, a menor escala. Piares dun só tramo sustentan os arcos de medio punto, volvendo a rematar en cornixa sobre a que se dispón a canle en forma de U, oculta tras dun ático corrido. Xa que a adaptación ao terreo a fai a parte inferior, este corpo, cuxa función é transportar a auga, mantén sempre a mesma altura, se ben a canle discorre coa lixeira pendente precisa para que circule a auga.


Perpiaños coas marcas dos fórceps empregados no izado
Sobre os tres piares de maior altura nun sotobanco enmarcado por molduras iría a inscrición comemorativa, probablemente en letras de bronce, hoxe queda o espazo baleiro. O deseño recorda os arcos de triunfo, o que subliña a idea de monumentalidade e do poder do Imperio. No piar central pervive un nicho destinado a acoller a imaxe dalgunha divindade, Hércules posiblemente.
Desde o punto de vista artístico crearon unha estética particular a partir da combinación de muro e oco, de macizo e vano, de liña curva e recta que fai parecer lixeira unha obra de gran peso, da mestura arcos e linteis que conxuga o dinámico e o estático, de verticalidade contrarrestada polo horizontalidade, de composición rítmica entre elementos sustentantes e sustentados, todo o cal fai que unha obra en principio meramente utilitaria se erixa nunha das mellores mostras da arte romana en Hispania: a utilitas converse en firmitas e tamén en venustas. 







¿A DONDE VAI A AGUA?

Despois de ser canalizada no punto de captación, discorrer soterrada ou circular polo alto, limparse das impurezas nas piscinas limarias, a auga chega ó castellum aquae, un gran alxibe xa preto da área urbana que actúa como centro de distribución: para as fontes públicas, para os edificios públicos -termas, cuarteis, latrinas, obras públicas,..- e, por concesión, para vivendas particulares -algúns conectaban ilegalmente- e tabernae (establecementos comerciais). Como o fluxo de auga nunca se detiña, este enorme depósito, aínda que se fose baleirando polo consumo do día, volvía encherse pola noite. De existir excedentes abríanse os aliviadoiros situados normalmente nas fontes públicas
Desde aquí a auga circula por canalizacións de chumbo -nocivo para a saúde- ou de cerámica que se ían bifurcando e facendo máis pequenas para dirixirse ós seus destinos. O entramado hidráulico completábase con billas, chaves de paso, valvúlas de presión, extractores de aire,  canos,... Ó final de cada ramal, o caudal sobrante destinábase á limpeza das rúas e do alcantarillado
Traer o río á cidade non era de balde para os cidadáns, había contadores do consumo para abonar as taxas correspondentes, e inspectores para vixiar o bo uso da auga.
Fonte pública en Pompeya, situada entre a calzada e a beirarrúa
Billa de bronce
Ambiente nas rúas coas tabernas nos baixos da vivendas, inluídas as de comida rápida e bebida
Letrinas públicas. No centro, a esponxa suxeita a un pao para se limpar
Aínda que tamén se practicaba o de ¡auga vai!, as rúas contaban cunha rede de sumidoiros que recollía e evacuaba as augas residuais e pluviais
Unha recreación das termas na parte do caldarium






TEATRO DE MÉRIDA




CATALOGACIÓN
Tratase dunha edificacion de arte romana en Hispania destinada ao ocio para espectáculos públicos, concretamente representacións teatrais. Encóntrase na cidade de Mérida (Badaxoz), a antiga Emerita Augusta, fundada ex novo por Augusto para os seus soldados eméritos. O mesmo que o anfiteatro estaba ubicado dentro do recinto urbano pero nunha área periférica.

Á esquerda o anfiteatro, á dereita o teatro


Data do século I a.C., sendo promovida a obra polo cónsul Marco Agripa, xenro do emperador Octavio Augusto, segundo o indica a inscripción nas portas de acceso.
Carece de autoría concreta, o que é habitual na arte romana, posto que o relevante é quen encarga e fai a obra, é dicir Estado. Deste xeito ademais dunha obra funcional, convertese nunha obra de forte carácter propagandístico amosando o poder de Roma diante dos pobos conquistados, como neste caso en Hispania.
As obras teatrais eran sufragadas polo polo erario público ou polo patrimonio persoal de benefactores privados na procura do favaor popular na súa carreira politica.
Responde aos principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas.

ANÁLISE
O teatro romano adapta o teatro grego ao tempo que introduce modificiacións, a primeira é non precisar precisar de pendentes do terreo pois costrúe desde o chan por medio dunha estrutura de galerías abovedadas para sustentar o graderío , o que facilitaba a elección dos lugares da súa ubicación. Neste caso, sen embargo, aproveita a pendente natural do terreo, un modo de aforrar esforzo construtivo.
Consta de tres partes fundamentais ben diferenciadas: a scaena, a orchestra e a cavea.
A cavea semicircular, non ultrasemicircular como nos teatros gregos, constitúe o graderío para os espectadores, dividida horizontalmente en tres zonas separadas por corredoiros. O nivel inferior máis próximo á scena é a inma cavea, reservada para os grupos dominantes a media cavea, nivel intermedio no que toman asento os homes libres, os plebeos, e summa cavea, parte superior para os escravos, as mulleres ou os menos favoridos. Aínda, diante da ima cavea e xa dentro do hemiciclo da orchestra, dispoñíanse outras tres gradas con espacio para colocar asentos destinados ás autoridades consulares e provinciais ou os dirixentes locais. Así pois, este esquema reflicte a xerarquización da sociedade romana. Radialmente os tres niveis quedan subdivididos en sectores polo paso de escaleiras de circulación que comunican cos vomitaria, as saídas a través de corredoitros abovedados.
A orchestra, lugar donde se situaba o coro que acompañaba as representacións, é semicircular como a cavea ou mellor dito sería á inversa, pois é a orchestra a que determina a cavea. No teatro romano, o papel dos coros era menos importante e por tanto taménmenos numeroso, consecuentemente precisaba menos espazo, aoa tempo que a súa redución permitía o achegamento do público ao escenario.
A scaena, área escénica, inclúe o escenario e todos os elementos precisos para levar a cabo a representación así como dependencias para os actores. As partes principais son: o pulpitum, unha especie de plataforma elevada rectangular que a separa da orchestra, na súa parte frontal, cara ós espectadores, amosa unha alternancia de exedras semicirculares cóncavas e rectangulares que tiñan a función de mellorar a acústica; o proscenio, a área de actuación no alto do pulpito; a scaenae frons, o que podíamos denominar o fondo monumental do escenario, está formado, no caso que nos ocupa, por unha estrutura arquitectónica de dous corpos superpostos de columnas de fuste liso e capiteis corintios asentadas en elevados podiums, e entaboamentos coidadosamente ornamentados curvos e rectos, organizadas e dous tramos lineiais nos lados e en exedra o central. O conxunto completábase con esculturas nos intercolumnios entre as que se incluían tando divindades como heroes ou as imaxes dos emperadores, o que resulta unha exaltación do poder de ambos mundos, o que xa sabemos pola existencia da práctica do culto imperial. Neste marco de arquitectura simulada ábrense tres portas para entrada aos actores, a central maior que as lateriais.
A scaenae frons que vemos actualmente non corresponde coa realizada na fundación do teatro, sería resultado dunha reforma posterior, das varias que viviu o teatro emeritense.
Na parte posterior había un gran patio porticado axardinado e no seu entorno diversas dependencias, unhas para uso dos actores, outras para o culto imperial e outras para o público, por exemplo as letrinas.
A circulación do público para entrada e saída está perfectamente organizada. A través de pasillos abovedados, dúas portas adinteladas desembocan directament na orchestra e polo tanto nos asentos da máxima dignidade. Destes dinteis proceden as inscripcións da inauguración da obra na que se cita a Agripa. Os restantes accesos realízanse a través dos vomitoria que dan aos distintos sectores e niveis.
Na sua construción empregáronse materiais distintos segundo a súa ubicación e función, así para a scaena e a orchestra servíronse de mármores, para o graderío, empregaron cachotería -opus incertum- como se ve na parte superior que logo iría recuberta de granito en perpiaños -opus quadratum-, para bóvedas e arcos, o ladrillo, e para levantar muros e a estrutura de soporte da cavea, o cemento romano que tan bos resultados daba por ser máis ecónomico e facilitar a rapidez construtiva .
Como síntese, sinalar que resulta ser unha obra exemplificadora do gusto e da técnica arquitectónica romana, na que conxuga o sentido utilitario, a estética clásica, as novidades técnicas (cemento, bóvedas) e a propaganda imperial. 
O teatro romano de Mérida, o mellor conservado de Hispania, é o único que mantén actualmente a súa función orixinal a través do Festival de Teatro Clásico que nel se celebra anualmente.









0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir