13 de nov. de 2011

CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (obra arquitectónica)

Unha ollada inicial á historia do descubrimento da tumba apostólica e a súa significación











CATALOGACIÓN
Nave central da catedral de Santiago de Compostela, unha arquitectura con función relixiosa, datable entre finais do século XI e primeira metade do XII dentro do estilo románico, a primeira arte internacional da Idade Media. Responde ao modelo de igrexa de peregrinación, como veremos na análise.
Santiago fora decapitado en Xerusalén, fóra da cidade como era habitual, e desde alí os seus restos serían recuperados polos seus discípulos e depositados nunha barca de pedra que guiada polos anxos chegaría ata Galicia. No ano 813, un ermitán, Pelaio, orientado polas luces e cánticos que saían do lugar chamado Campus Stellae, encontrou o sartego. Inmediatamente Teodomiro, bispo de Iria Flavia, identifícao como o do Apóstolo, así que ordena construír nese lugar unha capela para venerar as reliquias.
A finais dese mesmo século, Afonso III, apoiado pola Igrexa, transforma a capela en basílica seguindo os trazos da arte prerrománica asturiana, a cuxo reino pertencía Galicia. Así mesmo promove e difunde o culto xacobeo como feito relixioso e polítoco fronte ó Islam (Santiago Matamouros desde a batalla de Clavijo). A basílica será destruída por Almanzor primeiro e refeita despois- Hai que esperar ao século XI para que comecen as obras da actual catedral.
A catedral románica de Santiago, señorío eclesiástico neses tempos, proxectouse desde os cimentos para responder a unha dobre necesidade: constituírse nun relicario digno de albergar as reliquias do apóstolo e dispor dun espazo que dese cabida ao elevado número de peregrinos que se congregaba para veneralas. As obras, dilatadas no tempo cerca de cento cincuenta anos –a consagración data de 1211-, teñen tres momentos fundamentais nos que se suceden os mestres e os comitentes:
  • En 1075, co padroado de Afonso VI e do bispo Diego Peláez, inícianse as obras baixo a dirección do mestre Bernardo o Vello. Comezase pola cabeceira como era habitual. Realiza a capela central, as dúas laterais e empeza a xirola. As obras quedan interrompidas ó desaparecer Peláez, acusado de intrigar contra a Corte.
  • No 1100, o bispo Diego Xelmírez impulsa as obras, agora dirixidas polo mestre Estevo e polo mestre Bernardo o Xove. O primeiro realiza as dúas capelas poligonais e o cruceiro, e amplía as dimensións xerais do edificio. O segundo, levanta o transepto e a portada occidental
  • En 1168, o cabido da catedral encarga ao mestre Mateo o remate da construción e a realización da chamada Catedral Vella ou Cripta, soporte do Pórtico da Gloria. Tamén mellora a entrada occidental.

Baixo a dirección destes mestres traballaban cuadrillas de canteiros que deixaron as súas marcas, principalmente nos soportes (as marcas de canteiro). Nin sequera os mestres son considerados artistas, son recoñecidos por realizaren un traballo ben feito.
A imaxe actual do edificio oculta en gran medida a construción románica debido a todos os engadidos e transformacións, principalmente barrocas, habidas ao longo do tempo.

CONTEXTO
A partir do s. XI os pobos invasores son culturalmente asimilados e os musulmáns detidos. O románico vai ser agora o primeiro estilo común da Europa Occidental e cristián, pois é unha arte ao servizo da Igrexa, aínda que con particularidades rexionais, que se corresponde coa sociedade feudal e a Alta Idade Media.
Recibe este nome polas súas similitudes coa arte romana, pero cun sentido pexorativo en tanto que era unha dexeneración do romano, o que realmente non é así. Sen embargo asimila influencias dos estilos anteriores, desde as romanas pasando polas bizantinas ata as islámicas, e aproveita as conquistas técnicas das artes prerrománicas.
A uniformidade do estilo ven determinada por varias as circunstancias. Dunha banda o terror do ano 1000 pola crenza do fin do mundo nese ano (ou no 1033 = morte de Cristo) desencadeou un sentimento de culpa seguido, ao ver que non se producira o fin da humanidade, dun sentimento pietista de acción de grazas. Pola súa banda as ordes monásticas, custodias de reliquias, coñecen unha forte expansión que está marcado pola reforma beneditina de Cluny no s. X. O culto ás reliquias incrementou os movementos de peregrinación, con tres destinos principais Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela, servindo de vehículo ás tendencias culturais, planes arquitectónicos e programas decorativos. Tampouco se pode esquecer o papel das Cruzadas que uniron Occidente baixo o nexo común do cristianismo e serviron de vía de entrada das influencias bizantinas. E todo isto no marco do feudalismo cunha mesma sociedade dominada pola clero e a nobreza, mecenas patrocinadores de mosteiros e igrexas, os prototipos construtivos do período, aínda que co desenvolvemento urbano, a Catedral convertese en símbolo da cidade.
No románico peninsular hai que diferenciar dúas correntes: unha máis antiga de influencia lombarda e do sur de Francia (Languedoc e Provenza), que se desenvolve no Perineo catalán e aragonés; a outra corrente ten a súa orixe en Francia, concretamente en Borgoña e baixo a influencia de Cluny, é a que se infiltra a través do Camiño de Santiago como un estilo máis evolucionado que se expande por Aragón, Navarra, León e Castela. A este románico borgoñón e cluniacense pertence a Catedral de Santiago.
Do mesmo período da Catedral de Santiago son San Isidoro de León, a Catedral de Jaca e San Martín de Frómista, entre outras.


ANÁLISE (ver en LIBRO DE PIEDRA)
Realizada en granito de cantería, presenta planta de cruz latina cun nártex na entrada, tres naves, a central máis ancha e alta que as laterais e un transepto ben desenvolvido igualmente con tres naves e dúas capelas en absidiolas en cada brazo, remata en fachadas monumentais (Praterías no Sur e Azabachería no Norte). A cabeceira, orientada ao Leste, remata nunha ampla ábsida semicircular con capelas radiais: semicircular no interior e rectangular ao exterior, a central; semicirculares as dúas seguintes e poligonais as outras dúas. O altar maior levantado sobre a cripta coas reliquias dos restos do Apóstolo, está rodeado da xirola ou deambulatorio que ven ser unha especie de nave que facilita a circulación dos fieis a redor das reliquias.
A planta de cruz latina, característica das igrexas románicas, simboliza a  Cristo crucificado (ver vídeo) e o sentido lonxitudinal subliña a idea de camiño a Deus. Pero aquí engádense os trazos das igrexas de peregrinación derivados da necesidade de acoller as multitudes que visitan as reliquias e facilitar a súa circulación, realizar procesións no interior e celebrar oficios simultaneamente, o que se facía nas distintas capelas, todo sen alterar a celebración dos oficios. Por iso desenvolve unha cabeceira con absidiolas tamén presentes no transepto (estaba prohibido celebrar misa no mesmo altar nun mesmo día) e un deambulatorio arredor do altar maior. É o modelo tomado de San Sernin de Toulouse e Santa Foy de Conques, entre outras, pero que ten na súa raíz na igrexa conventual do mosteiro bieto de Cluny.
O interior destaca en primeiro lugar pola verticalidade da súa altura,  cunha proporción de 1:2,75,unha grandeza que debía provocar a emoción relixiosa diante do sublime, non son as súas dimensións grandes só por razóns funcionais ou como mostra do poder da Igrexa, que tamén, senón que o peregrino ha sentirse asombrado diante da arquitectura para a través da beleza humana, acadar a beleza divina. É a maior igrexa de peregrinación do Camiño, cun carácter monumental sen precedentes hispánicos.
O alzado articúlase en dous niveis: as arcadas que dividen as naves e a tribuna que se continúa sobre as naves laterais, o transepto e a xirola. Os arcos do primeiro nivel, os formeiros que separan as naves, son de medio punto peraltado e dobrados apoiando nos piares románicos formados por catro columnas adosadas, alternativamente, a un piar ou a unha columna central; as columnas que dan á nave central prolónganse ata o arranque das bóvedas, cargando nelas os arcos de faixa, outras dúas cargan os arcos formeiros que separan as naves e a cuarta sostén o arco que separa as bóvedas da nave lateral. A arcada configura os dez tramos nos que se dividen as naves. A ampla tribuna, que aumenta a capacidade da catedral, abre en arcos de medio punto xeminados sobre columnas pareadas, acubillados nun gran arco tamén de medio punto. Comunicaba directamente coas dependencias privadas do palacio episcopal.





As cubertas son todas pétreas con grande variedade de bóvedas: de canón reforzada por arcos de faixa  na nave central, de arestas nas naves laterais, de cuarto de canón con arcos diafragma na tribuna, de forno nas absidiolas e semiesférica sobre trompas no ciborio. Nas esquinas dos brazos da cruz, na intersección dos cuartos de canón de cada lado prodúcese unha bóveda de unha sola aresta.



O tellado pétreo co seu peso serve a asentar o edificio (aquí tes unha boa colección de fotos nos tellados da Catedral).
O ornamento resérvase para as fachadas, no interior só hai labra nos capiteis, vexetais, con animais e algúns historiados, e na liña de comezo da tribuna con taqueado jaqués, ou axedrezado.
O muro, principal elemento sustentante do edificio, é groso e reforzado por contrafortes en correspondencia aos arcos de faixa do interior do mesmo modo que na arte asturiana. Nel ábrense as fiestras que iluminan o interior, directamente nas naves laterais e indirectamente, a través da tribuna, na nave central. A cabeceira conta con iluminación propia pois tanto as absidiolas coma o deambulatorio posúes as súas propias fiestras. En todo caso, os vanos son pequenos e abucinados, de xeito que domina o macizo sobre o vano e os interiores resultan umbros favorecendo o recollemento.
(Portadas) Nos pes, a fachada principal que da á Praza do Obradoiro, hoxe oculta pola grande fachada-telón barroca, estaba estruturada por un corpo central flanqueado por torres de base cadrada que sobresaen en planta. Similares serían as outras dúas, a do norte pola que entraban os peregrinos pero que foi totalmente transformada, e a de Praterías ao sur, a mellor conservada e na que hai que destacar a presenza na parte de arcos lobulados de orixe islámica.
En total había nove torres: dúas en cada unha das fachadas, outras dúas menores no ángulo do pao maior da cruz e o transepto que contiñan as escaleiras de acceso á tribuna, e outra no ciborio.
En conxunto, a Catedral de Santiago coas súas perfectas proporcións, constitúe un compendio de solucións arquitectónicas e de innovacións que outorga ao edificio unha grande harmonía, solidez e grandiosidade.



REVISAR UN POUCO MÁIS

Click to launch the full edition in a new window
 

Podes ollar o documento anteriormentras escoitas esta peza polifónica, Congaudeant Catholici, un canto de ofertorio para tres voces, tomada do Codex Calixtinus e interpretada por Anonymous4, un grupo neoiorquino de voces femininas






0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir