1 de nov. de 2011

SANTA MARÍA DO NARANCO




CATALOGACIÓN
Obra arquitectónica coñecida como Santa María do Naranco, na ladeira meridional do Naranco, nas inmediacións de Oviedo, capital do reino astur e da corte. Foi construída como parte dun complexo arquitectónico como palacio de descanso, no centro dun bosque no que abundaba a caza. Incluía sala de festas, baño e capela. Logo reconvertíuse en igrexa e con este fin se utilizou durante moito tempo. A igrexa de San de Lillo, nas inmediacións, formaría parte do conxunto.
Pertence á arte astur, un dos estilos artísticos que se desenvolven na Europa Occidental (en España, visigodo, asturiano, mozárabe) e que, a efectos teóricos, agrupamos baixo a denominación de arte prerrománica, que abrangue do s. V ao s. XI cando se produce a unidade estilística do románico.
Data concretamente de mediados do século IX durante o reinado de Ramiro I, o período de plenitude do reino e da arte, polo que tamén se fala de estilo ramirense. Foi igualmente o promotor doutras obras próximas no marco dunha actividade construtiva que non responde a obxectivos relixiosos senón que a finalidade é deixar constancia da grandeza e o boato da corte asturiana.

CONTEXTO
Cando os pobos xermanos invaden no século V o Imperio Romano de Occidente, prodúcese ademais da fractura política, a fractura da unidade artística que se materializa na rexionalización da arte.
En España aséntanse os suevos e os visigodos, pero no século VIII, no 711, unha nova invasión, neste caso musulmana, trastoca a situación. Mentres gran parte da península é ocupada, no Norte crease un foco de resistencia, concretamente en Asturias (Pelayo e a batalla de Covadonga marcan o inicio no 718 da reconquista).
Asturias evoluciona de xeito independente. Incomunicada, coa Corte asentada en Oviedo, a monarquía asturiana aínda que se sente continuadora da monarquía visigoda, non se identifica con ela, senón que tenta constituír unha monarquía independente e renovada cunha arte novidosa impulsado polos monarcas e, en menor medida, pola Igrexa. É ante todo unha arte aúlica.
Artisticamente enlaza coa tradición romana, pero recibe as influencias doutras cortes europeas (carolinxio), así como as visigodas e musulmáns, pero sempre empregándoas con gran singularidade
Abarca do século VIII ao século X, sendo, como dixemos, o período de esplendor o do reinado de Ramiro I, presentando solucións arquitectónicas que se adiantan dous séculos á arte románica.
O estilo tamén chegou a Galicia como vemos na remodelación de Santa Comba de Bande en Ourense.

ANÁLISE
O material empregado é a pedra traballada en cantería con perpiaños de distintos tamaños, irregulares nos muros e perfectamente labrados nos esquinais, nos arcos ou nos contrafortes exteriores. 

Presenta planta rectangular, moi alongada (20 m de largo por 6 de ancho), articulada en dúas plantas, accesos nos dous lados maiores. Levantada sobre un alto zócolo, para compensar as irregularidades do terreo, destaca a gran desenvolvemento vertical do edificio, común a outros do mesmo estilo.


O piso inferior dividido en tres espazos, o central de maior tamaño, posiblemente utilizado como oratorio palatino, está cuberto por unha bóveda de canón reforzada con arcos de faixa que parten dun zócalo que percorre todo o perímetro. Os dous laterais teñen cubertas de madeira; un deles só ten acceso desde o exterior, a súa utilización énos descoñecida; o doutro extremo conta cun pequeno baño con acceso tanto desde o exterior como desde o interior .
O segundo andar repite a distribución inferior, pero a dobre altura, con dous miradoiros a xeito de belvederes nos extremos e unha gran sala central. O acceso realízase por unha escaleira exterior de dobre derrama situada no centro do lado Norte, un dos lados maiores do rectángulo, e pórtico. Os restos da estrutura do lado oposto, indican a existencia doutro acceso similar ou ben podería tratarse doutro miradoiro.
O espazo central, denominada Salón Real ou Aula Rexia, foi sen dúbida o epicentro do edificio. Un dos máis destacados aspectos puramente constructivos é sen dúbida o sistema de cubertas e o xeito de contrarrestar o seu peso. A longa bóveda de canón, en toba, vai reforzada por arcos de faixa, apeados en ménsulas sobre nunha liña de impostas continua, que levan o peso ata o muro perimetral, moito máis groso na planta baixa, reforzado por unha arquería cega de seta arcos por cada lado coa clave tallada en T e compartindo a primeira doela. O empuxe vai contrarrestado no exterior por potentes e estreitos contrafortes correspondentes con cada tramo. Este sistema construtivo parece ter os seus referentes en modelos romanos de salas de termas e mausoleos e terá continuidade na arte románica.
A arquería cega, de arcos de medio punto lixeiramente peraltados e de dimensións decrecentes nos extremos, é soportada por pares de columnas xeminadas con basa prismática e montadas sobre un pequeno zócolo que percorre o muro.
A iluminación da sala lógrase por medio de dúas fiestras en arco de medio punto en cada un dos lados maiores.
Igualmente sorprendentes resultan as dúas balconadas, que se converteron na imaxe característica e máis fermosa do monumento. Abren á sala central a través de tres portas alinteladas baixo arcos de medio punto peraltados, sendo a central algo máis ancha e alta cás laterais. Os miradoiros propiamente ditos, abertos ó exterior polos seus tres flancos, contarían en orixe con antepeitos calados dos que só quedan restos. Cóbrense ambos miradoiros con bóveda de canón reforzada por un arco de faixa. Os seus vans, moi amplos, divídense en tres grandes arcadas de medio punto peraltado, sendo tamén a central máis ancha e alta cás laterais. Apoian os arcos en columnas sogueadas e capiteis de tradición corintia.
O programa ornamental, exclusivamente escultórico e cinguido á arquitectura, a pesares da primeira sensación de austeridade resulta no interior variado e enriquecedor. As columnas constan de fustes sogueados, capiteis de modelo corintio –nos miradoiros- ou troncocónico invertido moi novidosos, decorados con sogueados, ou labras vexetais moi sutís de pasado visigodo, representando motivos animados como son aves, cuadrúpedes, xinetes, figuras humanas, etc., sempre moi esquematizados. Nas enxutas das arquerías da sala central e dos miradoiros colgan faixas con medallóns labrados con temas de orixe oriental formados por aves e cuadrúpedes afrontados, cabalos e cabaleiros en actitude de combate. Tanto o soguedo coma os clípeos son moi característicos da arte astur.
Exteriormente parece contar con tres pisos, os dous primeiros corresponde á planta baixa e nobre, mentres que o terceiro, sen correspondencia co interior, está insinuado pola xaneliña tripartita de arquiños de medio punto peraltados, que a pequena escala repite a estrutura da arcadas da balconada. Corresponderíase coa chamada cámara do tesouro, tamén moi particular desta arte, se ben a súa función segue sen estar clara.
Nos lados maiores son os dous grupos de contrafortes, que dende o zócolo chegan innecesariamente ata a cornixa, e os vanos distribuídos de xeito simétrico, os que rompen a severidade do muro. Todo moi monumental, anque tamén moi sinxelo, sobre todo á vista da aparencia exterior, limpa, lisa, sen molduras nin cornixas levantadas, e onde só destacan como detalles primorosos os medallóns sobre as arcadas, de relevos sucintos, e asa liñas incisas que percorren arcos e contrafortes, xunto coa marcada verticalidade.
A cuberta faise a dúas augas sen aleiros.
Santa María do Naranco sintetiza os trazos da arquitectura astur (arcos de medio punto peraltados, abovedamento con arcos de faixa, cámara secreta, medallóns, cintas e sogueado) nunha obra de gran pureza de formas e enormemente interesante polos seus alardes técnicos, a súa elegante concepción espacial e a beleza do seu volume exterior nunha contorna paradisíaca.


Image Map
 
Pica nas zonas coloreadas para ver as partes

Image Map  
 
Revisa os detalles
 
 




Miradoiros

 









 
















 


Por último, disfruta da inxenuidade e orixinalidade da decoración








0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir