31 de dec. de 2011

MASACCIO


TRIBUTO DA MOEDA. CAPELA BRANCACCI. FLORENCIA







CATALOGACIÓN
Pintura ó fresco realizada por Masaccio na primeira metade do século XV, é pois unha obra renacentista do Quattrocento italiano, momento no que a Florencia dos Medici é o principal centro cultural.
A familia Brancacci patróns da capela, encargaron a súa decoración Masolino quen contrata a Masaccio como colaborador, pero cando Masolino marcha, vai ser el quen se encargue de toda a obra ata que a súa temperán morte impediu que a rematara.
O conxunto pictórico que recolle o tema da salvación da Humanidade que Cristo realiza a través de Pedro, cobre as paredes en dous niveis horizontais e, de xeito similar á obra de Giotto na Capela Scrovegni, as composicións enmárcanse como cadros, neste caso delimitadas por unha cornixa horizontal e pilastras verticais.
O Tributo da moeda encontrase no muro lateral esquerdo do altar no nivel superior, a carón da Expulsión de Adán e Eva do Paraíso.
Os frescos da Capela Brancacci, que moitos denomina a Sixtina do Quattrocento, serán tidas en onta polos pintores posteriores, o mesmo Miguel Anxo as terá como referente cando se encargue da bóveda da Capela Sixtina en Roma.

CONTEXTO
...

ANÁLISE
A obra narra o episodio evanxélico no que Cristo, convencido de que “cómpre dar ó César o que é do César”, manda a Pedro que cumpra con esta obrigación, primeiro recollendo o óbolo que hai que pagar da boca dun peixe (aí o milagre) e despois pagándollo ó recadador. A escena, polo tanto, ten tres momentos ben diferenciados e os tres se representan no cadro:
-En primeiro termo, no centro, o momento no que o recadador, de costas, pide o imposto para soster o templo de Xerusalén, e Cristo (a cabeza non é de Masaccio), vestido coas roupas e cores tradicionais, imperativamente manda a Pedro a cumprir con esa obrigación.
-O segundo, á esquerda, cando Pedro, nun escorzo bastante forzado, recolle o óbolo da boca do peixe morto; feito que en si constitúe o milagre dese episodio evanxélico, pero aquí resulta tratado dun xeito bastante marxinal.
-O terceiro, á dereita, cando Pedro paga ó recadador que se encontra ó lado dun poste (orixe do termino imposto).


Mais as tres escenas non seguen unha orde cronolóxica, pois que, como queda dito, o primeiro feito atópase no centro, o segundo á esquerda e o terceiro á dereita.
Esta aparente contradición xa introduce unha linguaxe nova na pintura. Non se trata de exaltar o milagre en si, como sería normal na arte medieval, senón sobre todo de exaltar unha actitude, unha postura ética, nese caso a de Cristo, que manda pagar o imposto e cumprir así coas obrigacións cívicas dunha maneira decidida. Estamos pois no fondo diante dunha alegato a prol da obediencia.


Image Map



Certo é que aínda se conservan trazos da tradición medieval como os nimbos, neste caso a modo de pratos tratados en perspectiva, e o representar ó unísono as distintas escenas dun mesmo feito, pero aquí están ganduxadas por un mesmo significado moral.
Desde o punto de vista plástico tamén a obra resulta revolucionaria. Destaca en primeiro lugar porque fixa a nosa atención no grupo central, que adquire aparencia de masa compacta, de bloque como remarcando o sentido de solidariedade e de unidade dos apóstolos co seu mestre. ¿Mais como é que se adquire esa sensación de núcleo pechado? En primeira instancia a través da súa disposición en semicírculo en torno do mestre e no tratamento dos volumes, que Masaccio resolve de modo similar a Giotto, é dicir, prescindindo do secundario ou anecdótico, outorga ás figuras un tratamento monumental, pesado e con matices «escultóricos». Ademais, a luz incide con toda rotundidade en Cristo e o grupo, reafirmando así o seu protagonismo; sen esquecer a importancia adquirida de novo pola interrelación psicolóxica entre todos os personaxes e de todos co xesto imperativo de Cristo, repetido exactamente por Pedro. Hai que subliñar tamén a individualizacións dos apóstolos tanto no seu aspecto físico coma nos estados de ánimo, moi notable nas dúas figuras de Pedro.




A fonte de luz, externa ó cadro, procede da dereita, entra diagonalmente, coincidía coa luz natural que entraba por unha fiestra da capela.
E por se isto fose pouco recórrese tamén a unha solución medieval, pero que adquire agora novas intencións: o grupo mostra unha evidente isocefalia, se ben os pés están a distinto nivel. En realidade, o que fixo Masaccio é baixar o punto de vista. Con isto, en derradeira instancia conséguese insistir na idea de unidade e de grupo compacto de todo o conxunto.
As figuras todas están firmemente asentadas no chan a pesares da postura de lixeiro contraposto, en todas hai un eixo vertical central que vai de cabeza a pes, non hai mais movemento que o que ven dado polos xestos e o insinuado polas miradas. A composición é serea con dominio de verticais realzadas polas escasas diagonais da profundidade e matizadas polas leves curvas das montañas
A cor aplicase en gradación dominando a gama fría na parte posterior para favorecer a sensación de lonxanía. Cores contrastadas e emprego do claroscuro matizan as formas.




Pero, malia o dito, tampouco existe illamento entre as escenas representadas. Pola contra, a escena da dereita coordinase perfectamente coa principal gracias ó efecto de perspectiva lineal logrado polas arquitecturas que enmarcan a escena. De novo, unha arquitectura brunelleschiana serve de marco á acción de Pedro pagando ó recadador, e serve non só para introducir profundidade senón para engarzar esta escena có grupo principal gracias ás liñas que en diagonal nos levan de un a outro para rematar por confluír na cabeza de Cristo. Da mesma maneira, os brazos de Cristo e de Pedro no grupo principal diríxennos visualmente de modo indirecto cara á escena do milagre propiamente dito -o terceiro feito-, situado á esquerda da composición.
A paisaxe do fondo, que tamén nos recorda a Giotto, practicamente deserta, insiste na idea plástica máis característica do seu autor, a rotundidade das formas, moi debuxadas nos fondos, a súa plena volumetría chea de forza expresiva e vigor.
Esta xa é unha pintura humana e non divina. Próbao a importancia dada ó xesto ético de Cristo, exaltando o grupo principal e non o milagre en si, que se representa de forma marxinal. E próbao tamén a variedade de xestos e actitudes dos apóstolos, que lonxe da idealización medieval, semellan homes rudos e toscos pero solemnes ao tempo ante o feito moral e ante o milagre divino.






0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir