6 de xan. de 2012

BRAMANTE

SAN PIETRO IN MONTORIO. ROMA


CATALOGACIÓN
O pequeno templo romano de San Pietro in Montorio é unha arquitectura de carácter conmemorativo ó ser construído sobre o lugar no que segundo a tradición, fora martirizado San Pedro, no patio do convento franciscano do mesmo nome.
Foi encargado e financiado polos Reis Católicos, neste momento tamén monarcas do reino de Nápoles, como medio de facer patente a súa presenza en Italia.
Data dos primeiros anos do século XVI, o Cinquecento, realizado por Donato Bramante. Corresponde pois ó período clásico do Renacemento italiano, cando Roma se converte no centro da vida artística grazas ó mecenado dos papas e á decadencia de Florencia tras da morte de Lourenzo de Medici.
Bramante, tras dos seus primeiros traballos en Milán na corte dos Sforza, chega no 1500 a Roma chamado polo Papa Xulio II. Aquí estuda os restos arqueolóxicos creando o estilo clasicista caracterizado pola solemnidade e a ausencia de ornato. Foi tamén o encargado do proxecto da basílica de San Pedro do Vaticano, que non chegou a realizar.
As súas pequenas dimensións non impiden que se convertera na exemplificación da estética do XVI que terá clara influencia na obra de Miguel Anxo en San Pedro do Vaticano e que veremos imaxinado en obras de Perugino e de Rafael.

CONTEXTO
....
O Cinquecento supón a síntese das exploracións e investigacións iniciadas no Quattrocento en Florencia. Agora o protagonismo artístico pasa a Roma grazas ó mecenado dos papas como Xulio II e Sixto V. Tamén Venecia se ha converter en centro artístico con peculiaridades propias.
É o século dos máximos xenios da creación artística: Leonardo, Miguel Anxo e Rafael. Representan a culminación do Renacemento

ANÁLISE
Trátase dun edificio centralizado cunha planta circular, levantado sobre un basamento de tres banzos a modo de crepidoma, períptero e monóptero, claramente inspirada no templo romano de Vesta en Roma, e nos tholoi gregos (Delfos). Todas estas planificacións centralizadas que se mantiveron nos primeiros martyria cristiáns (mausoleo de Santa Constanza), desapareceron na Idade Media cando se impuxo a planta de cruz latina, pero agora volven ser os preferidos pola súa harmonía e equilibrio.
Doutra banda de acordo co neoplatonismo de Marsilio Ficino que concibe a Deus como a Mente Cósmica que adopta a forma esférica na que se contén todo o universo, a planta centralizada reflicte perfectamente tal simboloxía e como tal é a fórmula de beleza ideal.



En alzado, a construción consta de tres corpos superpostos: a cripta subterránea do martirio, a cella cilíndrica -5 m de diámetro- rodeada dun pórtico con columnata de orde toscana sobre plinto e a cúpula rodeada dunha varanda.
Sobre un plinto arrancan as columnas con basa ática, fuste liso rematado nun colariño e capitel con equino e ábaco. Corre por riba o entaboamento con arquitrabe de dúas bandas, friso dividido con tríglifos e metopas -con relevos de signo litúrxico- e cornixa. Se toda esta configuración responde exactamente á máis pura tradición clásica, é a parte superior a que rompe o clasicismo coa novidosa balaustrada que sobre a cornixa rodea o corpo superior que contén a cúpula sobre tambor que cobre a cella. Ten a varanda a función de unir visualmente os dous corpos que polo seu distinto diámetro podían semellar desconectados.
 


A apertura de vanos e hornacinas cos seus claroscuros dinamiza os muros de peche creando un espazo transparente que resta pesadez á edificación. Fiestras adinteladas alternan nos panos do paramento con nichos de arco de medio punto con veneras, separados por pilastras. Na parte inferior ábrense catro portas de acceso, situadas nos eixes ortogonais do círculo.
A cuberta do pórtico é adintelada con casetóns decorados con floróns, e a da cella unha cúpula nervada con óculo central.
Pero diante de todo, San Pietro in Montorio destacada pola rigurosidade da súa xeometría de xeito que os elementos ornamentais foron reducidos ó máximo en favor dos elementos estruturais. O círculo é a forma dominante, a forma máis perfecta xa desde o mundo grego e que se asocia a Deus: circular é a planta en círculos concéntricos, circular había ser o patio no que se ubicaría (non se chegou a realizar), semicircular é a cuberta, do círculo parten as proporcións (imaxe da esquerda). Círculo e esfera en tanto formas perfectas, constitúen o xeito neoplatónio de acadar beleza
Conciliando o pasado pagán greco-romano e o presente cristián, Bramante engade todo un xogo de contrarios: edificio centralizado cun marcado eixe vertical que vai da terra ó ceo; espazo pechado do edículo central e espazo aberto do pórtico; vanos adintelados e nichos en arco de medio punto; cuberta plana no pórtico e cúpula central; o mundo terrenal e o mundo celeste.
Os materiais empregados son mármore travertino e granito.
En síntese, un templete cheo de harmonía nas súas proporcións e monumental pese ás súas pequenas dimensións, que se converte en símbolo dos ideais estéticos do Renacemento.



0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir