15 de feb. de 2012

CARAVAGGIO



Caravaggio on Vimeo.


- VOCACIÓN DE SAN MATEU. CAPELA CONTARELLI, ROMA




CATALOGACIÓN
Óleo sobre lenzo en formato case cadrado -algo máis alto que ancho- realizado por Michelangelo Merisi, coñecido como Caravaggio, entre o 1599 e o 1600. Pertence pois á arte barroca italiana.
O cardeal Mateo Contarelli comprara na igrexa de San Luís dos Franceses en Roma unha capela, capela Contarelli, coa intención de ser enterrado nela. A decoración tanto escultórica coma pictórica debía ter como referencia a vida de San Mateo. Contarelli morreu sen que a capela estivera rematada, pero deixou instrucións claras sobre as pinturas que quería: un San Mateu escribindo o evanxeo, a chamada de Xesús ó apostolado e o martirio do santo.
Caravaggio, grazas á influencia do seu mecenas, o cardeal del Monte, recibiu o encargo de pintar os tres lenzos (Martirio, Inspiración e Vocación), este que nos ocupa é un deles. Era un encargo de grande importancia tanto pola súa envergadura como por ser a primeira vez que a súa obra se presentaría nun lugar público onde toda Roma podería vela.
Se ben comezou pintando o martirio, deixou este lenzo sen rematar para pasar a executar A vocación que narra o momento no que Cristo entra nunha taberna en busca de Mateo, o sinala coa man e o chama. Así se conta no Evanxeo de San Mateu:
Xesús viu un home chamado Mateu, sentado á mesa de recadación de impostos, e díxolle: «Sígueme», e Mateu levantouse e seguiuno.
Era pois unha obra de carácter relixioso que Caravaggio vai tratar como obra costumista de xénero. Habituado a traballar escenas con poucos personaxes, sen fondos nin contexto, agora estaba obrigado a narrar unha historia nun marco contextual concreto e con máis figuras.
O seu estilo tivo que cambiar aínda que sen renunciar á súa personalidade artística definida por un rotundo naturalismo inspirado directamente na Natureza e que o leva a tratar co mesmo primor un bodegón ou unha escena bíblica. A introdución de tipos vulgares, desde vagabundos a prostitutas, como modelos para personaxes sagrados fixo que rompera o principio do decoro segundo cal só deben elixirse para a representación os elementos acordes á dignidade do tema. Certo que os resultados podían ser tidos por irreverentes pero tamén é certo que facían máis cribles as historias dos Evanxeos ós ollos do pobo. Para resaltar certos aspectos dispón de espazos escurecidos, onde a luz, como un potente foco oculto pero convenientemente dirixido, ilumina parcialmente as formas, é o que se denomina tenebrismo.
A súa obra supuxo unha profunda renovación na pintura italiana do século XVII. A súa influencia será moi importante, así o demostra a existencia dos denominados caravaggistas, seguidores do seu estilo, entre os que se encontran Carlo Saraceni ou Artemisa Gentileschi ou os españois Ribera e Murillo, e incluso Velázquez na etapa sevillana, Rubens ou Rembrandt.

CONTEXTO
A arte barroca .................................. o desequilibrio e a conxugación de todas as artes.
A pintura barroca resulta de grande variedade en canto á xéneros, escolas, temáticas e solucións formais. De xeito vemos convivir a tendencia naturalista de Caravaggio co clasicismo dos Carracci e co decorativismo de Cortona. O punto común, como na arquitectura ou na escultura, segue a ser o movemento, a teatralidade, o efectismo. Plasticamente son trazos da pintura: o dominio da cor aplicada en grandes manchas; a profundidade continua por escorzos, planos de luz e de sombra, converxencia de liñas; as composicións asimétricas, abertas e organizadas a través de diagonais que cruzan violentamente o lenzo; os estados de ánimo apaixonados e as esaxeradas expresións para subliñar o dramatismo; xeneralízase o emprego do óleo sobre lenzo. Xunto coa temática relixiosa e mitolóxica, estendese o bodegón, as naturezas mortas, os retratos colectivos e os autorretratos, a paisaxe e as escenas da vida cotiá.

ANÁLISE

Habitualmente o tema representábase con Xesús convocando a Mateu desde fora través dunha fiestra, mais Caravaggio opta por unha escena de interior, dentro dunha taberna. Unha actividade rutinaria de acotío vese interrompida polo milagre, un acontecemento amosado como un instante, pero un instante cheo de verosimilitude que o espectador comprende con facilidade.

Mateu, recadador de impostos, está sentado á táboa e reconta os cartos con catro axudantes, todos vestidos á moda da época. Pola dereita entra Xesús acompañado de San Pedro -símbolo da Igrexa Católica-, estende o brazo e sinalando a Mateu co seu dedo fai o chamamento ao tempo que xa xira os pes para saír -non precisa repetir o chamamento-. No grupo da esquerda as reaccións son diversas, Mateu non se da de conta e segue coa cabeza baixa absorto na tarefa de contar moedas cun dos compañeiros, pola contra os que están máis próximos a Xesús viran sorprendidos diante da aparición, incluso un deles, no centro, xesticula dubidando de a quen se refire o chamamento
Ese xesto da man de Xesús, o máis significativo de todo o cadro, recorda claramente a man de Adán na Creación de Miguel Anxo na Capela Sixtina.
O naturalismo do tratamento resulta patente en todos os personaxes, son tipos físicos tomados das xentes que poboaban as tabernas, ás que o pintor era tan aficionado. Visten con claro anacronismo á moda da época, moi elegantes cos seus sombreiros de plumas, pero as uñas sucias destes empregados públicoss parecen convertelos en tahures repartíndose as ganancias. Xesús, como Pedro cos pés descalzos e vestidos con humildes túnicas, só resulta recoñecible como figura sagrada pola sinxela aureola sobre a súa cabeza, o seu corpo queda tapado polo do apóstolo en primeiro plano. O autor quere amosarnos acontecementos sagrados como se estiveran suceder nas proximidades das nosas casas, un xeito de achegar o feito relixioso ás masas populares.
A acción sucede en medio do silencio, sen movemento físico e dentro dunha escuridade xeral, só o foco de luz branca diagonal, de dereita a esquerda, fai saír das sombras as formas sumidas na penumbra, traelas ó primeiro plano e outorgarlles volume. A fiestra da parede queda opaca, son Cristo e o seu apóstolo os que traen a luz, o que hai que interpretar non só como luz física senón tamén como a graza divina.
Esa luz tenebrista remarca o que máis interesa, os rostros e os xestos que dan significación -man de Xesús que sinala e a de San Pedro que semella dubidar da elección, a man do que se interroga, as mans que contan os cartos-. Paralelamente outras partes quedan sumidas na escuridade: toda a parte esquerda e toda a parte inferior. É pois esa luz a que desde un punto indeterminado crea a tensión dramática e guía a mirada do espectador desde o xesto de Cristo ata a cabeza de Mateu, lectura de esquerda a dereita.
A composición resulta bastante estática, horizontal, e sorprendente en tanto que as figuras principais, Cristo e Mateu, non ocupan un lugar primordial senón que se sitúan nos dous extremos. Sobre un fondo neutro e pechado diferenciamos unha parte alta baleira, só coa fiestra vertical, e unha parte inferior con dous grupos de figuras compactas conectadas pola man de Xesús e a luz. Se a primeira vista destacan as liñas horizontais (a mesa, a liña de cabezas dos sentados no seu redor) e verticais (Cristo e Pedro na dereita, fiestra no alto, banco no primeiro plano), vemos que logo entran en xogo todo un complexo de diagonais secundarias (espada e pernas dos cabaleiros) que dinamizan a composición.
Partindo dunha gama cromática moi reducida -cores terra, marróns e negros-, a luz fai destacar sobre eles a vivacidade dos vermellos e marelos, tratados ó modo veneciano. En contra do que se puidera pensar, Caravaggio é colorista, pero a profundiade das sombras absorbe as cores.
No tema subxacen os ideais da Cotrarreforma expresados a través da elección que Cristo fai dos seus seguidores, independentemente do seu pasado. É o chamamento vocacional conectado co sacramento da orde sacerdotal, sacramento rexeitado polo protestantismo, pero igualmente o chamamento da humanidade á conversión, a seguir os principios do catolicismo.





- ENTERRO DE CRISTO




CATALOGACIÓN

Óleo sobre lenzo en formato vertical realizado por Michelangelo Merisi, coñecido como Caravaggio, nos primeiros anos do século XVII. Pertence pois á arte barroca italiana.
A obra foi encargada por Francesco Vittrici (sobriño dun dos amigos de San Filipe Neri) para a súa capela familiar na igrexa romana de Santa María in Vallicella ou Chiesa Nuova, pertence á orde dos oratonianos de San Filipe Neri. Hoxe encontrase nos Museos Vaticanos.
Recolle o momento previo á deposición do corpo de Cristo. O tema do enterro de Cristo non deixaba de ser habitual, pero o tratamento de Caravaggio si resulta novidoso ó optar polo momento preciso da deposición do corpo de Cristo para ser perfumado e embalsamado antes de ser enterrado.
Tratase pois dunha obra de carácter relixioso con función devocional. Recibiu a admiración unánime dos contemporáneos que a contemplaron.
Rubens fixo desta obra unha copia, indicio da súa consideración polo traballo de Caravaggio.
..............

CONTEXTO
.........

ANÁLISE
San Xoán e Nicodemo van introducir o corpo de Cristo no sepulcro, acompañados de tres figuras femininas: María, a nai de Cristo, María Magdalena e María de Cleofás.
Desde un punto de vista moi baixo que deixa o espectador á altura da foxa aberta e sobre un fondo neutro sumido na escuridade, as figuras distribúense a través dunha marcada diagonal, da dereita arriba a esquerda abaixo, mentres que a sucesión de horizontais as escalona en altura desde a pedra do sepulcro. Non se interesa pola perspectiva, a profundiade ven dada pola disposición diagonal e polo marcado escorzo do brazo de Nicodemo.
A presenza física das súas figuras resulta contundente, son poucas pero o seu carácter monumental, que moito ten que ver con Miguel Anxo, fanas impactantes para o espectador. O mesmo Nicodemo, o único que dirixe a mirada ó exterior, serve para introducirnos nos acontecementos que estamos a ver.
A luz volve a ser decisiva, desde un punto descoñecido e como un poderoso foco dirixe a vista de abaixo arriba, facendo emerxer das sombras as figuras, os seus rostros e os signos da dor. O propio corpo de Cristo acompañado da luminosidade da tea branca que o sostén semella ser o verdadeiro foco de luz. Estamos diante do tenebrismo de Caravaggio, ese potente contraste de zonas fortemente iluminadas por unha luz branca e zonas en total penumbra, que non ten só finalidade estética senón selectiva para guiar a mirada e axudar á lectura da obra.
O tratamento destaca polo seu naturalismo, un xeito propio de Caravaggio que toma como modelos xentes da rúa, tipos físicos vulgares, o que ás veces lle valeu fortes críticas por ir en contra do decoro. Neste caso certos membros da curia romana protestaron alegando que a obra semellaba presentar uns bárbaros -particularmente por Nicodemo- enterrando o corpo do seu xefe morto en batalla. Nin sequera renuncia á minuciosidade da vexetación do primeiro plano, recordo dos seus primeiros traballos con naturezas mortas que con el cobran categoría por si mesmas.
Cristo morto, preséntase totalmente humanizado e realista. Destaca o verismo da carne branda e o peso do brazo caído en total abandono (recordar a Miguel Anxo na Piedade do Vaticano) que parece sinalar a pedra en alusión a que El é a pedra sobre a que se asenta a Igrexa, a chaga do costado bastante pechada pois xa non sangra pese a que os dedos de San Xoán se introducen nela, as pegadas dos cravos dos pés e mans. O corpo non amosa sangrantes laceracións e non aparece por ningunha parte elementos ou símbolos da Paixón. O pintor reflicte a súa mestría no perfecto estudo da anatomía humana a través deste espido, no que músculos e veas móstranse a través da pel. Realmente só o título do cadro identifica ao personaxe con Cristo, xa que nos mostra en toda a súa crúa realidade un corpo morto, sen ningún signo de divindade.
Outro dos trazos salientables é a gradación dos sentimentos e o distinto xeito de expresalos. Ben distinta é a actitude de María quen coñecedora do destino do seu fillo amosase chea de resignación, mentres María Magdalena chora con contención, e detrás María de Cleofás clama ó ceo cunha expresión moito máis rotunda.
Dentro da penumbra xeral destacan os brancos e as cores cálidas das carnacións xunto cos vermellos, os sienas, e os verdes das vestimentas.
Caravaggio pinta aínda por medio de delicadas veladuras en pinceladas que se funden coidadosamente nunha uniforme superficie pictórica.




Ver vídeo do Museo do Prado



0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir