13 de abr. de 2012

EXPERIENCIAS ABSTRACTAS: KANDINSKY e MONDRIAN




KANDINSKY - PRIMEIRA ACUERELA ABSTRACTA




MODIFICAR

CATALOGACIÓN
Óleo sobre lenzo, en formato case cadrado que supera o 1x1, pintado por Vasssily Kandinsky no seu taller de Múnic, días antes do estoupido da Primeira Guerra Mundial no 1914.
Pouco despois volvería a Rusia e colaboraría co novo réxime nacido da revolución. Farto do sistema volve a Alemaña para se incorporar á Bauhaus e traballar seguindo a abstracción xeométrica. Cando os nazis pechan a Bauhaus trasladase definitivamente a Francia.
O ambiente do ano 14 fai que se interprete a obra como a tradución plástica, en linguaxe abstracta, da tensión e o clima prebélico que reinaba entón en Europa. A pugna dos campos de cor viría ser unha metáfora da inminente guerra.
Foi o primeiro artista que comezou a exploración deste camiño da abstracción (pola casualidade ver unha obra súa colocada do revés), foi realmente un místico que aborrecía os valores do progreso e da ciencia e anhelaba a rexeneración do mundo mediante unha nova arte de pura interioridade.
Entende que a pintura só ten como función facer visible ó resto dos homes unha realidade de orde superior experimentada polo propio pintor.
Kandinsky, integrado no grupo expresionista alemá O xinete azul, realiza en 1910 a súa primeira obra abstracta, unha acuarela e tinta sobre papel.
No seu libro Do espiritual na arte, compendia as súas reflexións sobre o cambio estilístico que leva a cabo, subliñando o paralelismo coa música. Se a música, sen palabras, logra transmitir emocións, do mesmo modo a pintura, liberada de toda referencia figurativa, recupera todas as posibilidades de transmitir emocións e sentimentos. De feito Kandinsky denominou música cromática ás súas primeiras tentativas abstractas.

CONTEXTO
Posiblemente a denominación de abstracto para este tipo de pintura non teña sido o máis afortunado, moitos prefiren a denominación de non obxectiva ou non figurativa.
Se os expresionistas postularon que a arte non era a imitación da natureza senón a expresión dos sentimentos a través da imaxe, a abstracción quixo dar un paso adiante: a arte sería máis pura suprimindo todo referente e servíndose exclusivamente dos efectos de cor e forma. As obras resultantes adoitan carecer de títulos individualizados pois non son senón un xeito de comunicación.
A pintura abstracta non posúe unidade ideolóxica nin programática, os pintores abstractos só teñen en común a eliminación das referencias directas á Natureza, o interese polas experiencias plásticas radicais e a influencia de ideas teosóficas que conectaban arte e espiritualidade.
A forza expresiva dos lenzos estará agora nas formas e cores, sen relación coa realidade.
Son fundamentalmente tres as primeiras tendencias abstractas: a Abstracción lírica representada por Kandinsky, a Abstracción xeométrica ou Neoplasticismo representada por Mondrian e o Suprematismo exemplificado en Malevich quen considera que só haberá unha arte nova eliminando calquera trazo da arte establecida.
Na Abstracción lírica, así chamada porque outorga á arte unha función mística, as cores e as formas dispóñense dun xeito aparentemente caótico seguindo o ditado intuitivo do pintor quen expresa libremente as súas emocións sen pretender racionalizalas. Prima por tanto á fidelidade ós propios sentimentos fronte á fidelidade ó mundo das aparencias. A través da linguaxe de formas e cores, sen motivos figurativos, sen tema, a obra expresa un contido interior a través do que conmover psíquica e espiritualmente ó espectador.
Kandinsky, que escribiu O elemento interior determina a obra de arte, estable todo un corpus teórico sobre o significado das liñas (o punto é o elemento primario, a repetición de puntos xera a ritmo; a liña crea a melodía, aporta temperatura e xera movemento; a horizontal e a vertical configuran forzas estáticas e dinámicas

ANÁLISE
O lenzo carece de calquera referencia ó mundo exterior; comprende formas puramente abstractas en manchas de cor totalmente libres (resonancias cósmicas, segundo o pintor) dispostas exclusivamente segundo a necesidade interior do artista.
No centro da superficie pictórica hai tres manchas de cor saturada, plana e vibrante: dúas primarias, o vermello e o azul, e unha secundaria, o verde; unha cor cálida, vermello, como materia que se expande; dúas cores frías que dan sentido de profundidade. As tres formas, posible referencia á simboloxía divina do número tres, ovaladas e superpostas aparecen rodeadas doutras formas flutuantes en cores diversas e vivas. Mestúranse signos lineais e filiformes; liña curvas, verticais, nesgadas; pequenos semicírculos e formas oxivais.
No seu código, os signos lineais indican posibles movementos e suxiren o ritmo e a dirección das manchas, veñen ser o motor do dinamismo do lenzo posto que son as que outorgan forza ás manchas de cor.
Semella que esas tres cores chocan, se empurran e loitan por gañar o espazo, un espazo non tridimensional, concepto este rexeitado xunto coa figuración.
A obra respondería ó grupo das que o mesmo Kandinsky denomina Composicións, obras máis complexas que as Impresións nas que se conservan aínda trazos da natureza, e menos improvisadas que as Improvisacións. Por iso lle puxo título.
No casos das Composicións, hai todo un proceso previo de análise. Tomando como base un primeiro esbozo, o autor pasa a traballar desde a razón, a intención e a finalidade. El mesmo as define como
composicións sinfónicas, xa que viven de moitas formas orquestradas en torno dunha forma principal
Como dixemos, na obra xa non existe figuración ou referencia figurativa algunha, sen embargo conservase o debuxo preparatorio a tinta no que se adiviñan formas visibles: dúas pequenas barcas con xente, abaixo á esquerda, xunto cunha zonas de ondas; as liñas verticais da dereita poden ser figuras esquematizadas; e unha forma circular que sería o sol.
A función da obra, como outras do mesmo tipo, é presentar unha nova linguaxe plástica que represente o mundo espiritual do ser humano lonxe do mundo material. Algúns interpretan a obra como a plasmación da creación do cosmos, pero o certo que non se trata de entender senón de sentir a obra.


Escoita o comentario na web do Museo Thyssen, tamén podes ver a imaxe con máis detalle




MONDRIAN - TÁBOA I, CON NEGRO, VERMELLO, AMARELO, AZUL E AZUL PÁLIDO



CATALOGACIÓN

Óleo sobre lenzo en formato vertical de tamaño medio, pintado polo holandés Piet Mondrian en 1921.
Durante a Primeira Guerra mundial, a neutralidade de Holanda fixo posible que aquí se desenvolvera unha nova experiencia vangardista: o Neoplasticismo no que se encadra a presente obra.
Seguramente Piet Mondrian resulta ser a figura máis destacada ademais do principal teórico deste grupo de artistas formado no 1917 en torno da revista De Stijl (O estilo) fundada xuto con Theo von Doesburg, pintor compatriota.
A súa carreira comezou con pintura figurativa de serenos paisaxes, pasando ao cubismo cando se cando se traslada a París. Coa realización das series analíticas como as das Árbores (pon no buscador de imaxes "Mondrian tree"), vai iniciar o camiño da non figuración cunha extremadamente rigorosidade na a súa concepción de abstracción xeométrica. Partindo de que un lenzo, unha superficie plana, non debe conter máis que elementos igualmente planos, rexeitou toda liña curva e admitiu tan só as liñas rectas -verticais e horizontais- cruzándose en ángulos tamén rectos.
Aspiraba a unha arte clara e disciplinada que dalgún xeito reflectira as leis obxectivas da natureza a través das que mostrar as inmutables realidades ocultas tras das formas perecedoiras das aparencias subxectivas.

CONTEXTO
Posiblemente .............
...........só haberá unha arte nova eliminando calquera trazo da arte establecida.

O Neoplasticismo, estilo que se aplica tanto á pintura como a arquitectura ou deseño, é unha arte abstracta caracterizada por formas extraordinariamente sinxelas (planos, figuras xeométricas simples, liñas) e cores primarias. Partindo de investigacións previas, como as cubistas, presenta novas alternativas estéticas á sociedade moderna.
O renovado interese pola estrutura levounos plantexar se a pintura non podía converterse nunha especie de construción semellante á arquitectura. Así que se centraron en buscar as relacións matemáticas entre as formas coloreadas para, transcendendo a realidade externa, facer unha arte universal.
Sérvese de formas planas rectangulares e cadradas, rexeita a simetría se ben persegue a harmonía, emprega principalmente as cores primarias, o branco como fondo e o negro para as liñas que delimitan as formas -branco e negro son considerados como non cores-.
Pouco teñen que ver coa abstracción de Kandinsky e a súa vertente emotiva, só os une a non figuración. Sen embargo Mondrian pretende coa súa obra un mundo mellor tras dos horrores da Guerra Mundial. Escribiu:
Só a pura aparencia dos elementos, nunha relación de equilibrio, pode diminuír a traxedia da vida... E entón non necesitaremos estatuas nin cadros porque viviremos dentro da arte feita realidade....E entón, a arte irase retirando da vida a medida que a vida gañe en equilibrio e tranquilidade

ANÁLISE
A obra resulta do interese por estudar e analizar a elementalidade da liña, o plano e as cores fundamentais, eliminando toda referencia á profundidade ou movemento. Todas as obras desta época, entre 1920 e 1940, son moi semellantes, un enreixado de liñas que forman recadros de distintos tamaños e cores elementais, entre os que predomina o branco, fondo e luz.
A esta idea responde a presente obra: formas rectangulares de distintos tamaños; cores planas e puras; os primarios -amarelo, azul e vermello- combinados con azul claro; grosas liñas negras verticais e horizontais coa precisa función de separar as cores para que non se inflúan; liñas que se cortan en ángulos rectos; unha calculada proporción; disposición asimétrica pero equilibrada e harmónica
Coas súas obras demostra que a percepción da cor non cambia pero a súa valoración si o fai coa amplitude da área que cubre e coa súa forma; que dúas zonas de distinta extensión teñen o mesmo valor se está compensada pola cor; que unha proporción perfecta lograse ó equilibrarse formas e cores no plano xeométrico, deixando de ser un mera superficie xeométrica.
É unha arte racional, física e matemática, sen emoción nin sentimentalismos, obxectiva e sen tensións. Algo que a primeira vista resulta tan simple, ten sen embargo detrás todo un proceso mental de múltiples e posibles combinacións sobre as que o artista ha de tomar decisións: a colocación, o tamaño e a cor dos elementos que a compoñen.
O lenzo adquire un efecto monumental pese a escaseza de elementos empregados, e compositivamente plenamente equilibrada en cor, forma e disposición.


Dicía Gombrich: 

Es posible que un cuadro que contenga sólo dos rectángulos pueda causarle al pintor más inquietudes que las que le produjo a un pintor del pasado representar una Virgen. Este último sabía lo que se proponía y tenía una tradición por la que orientarse. Mondrian con dos rectángulos, puede trasladarlos por toda la tela, intentar un número infinito de posibilidades y no saber nunca donde detenerse..




CURIOSIDADES: PRE-MONDRIAN e POST-KANDINSKY
No 1847, Oliver Byrne, matemático e enxeñeiro civil, decidiu publicar un libro no que explicar os contidos dos seis primeiros libros dos Elementos de Euclides dun xeito claro para que fose facilmente comprensible e para iso eran precisas unhas ilustracións perfectamente deseñadas visualmente, antes de que existira o concepto de deseño gráfico. 
No subtítulo do libro xa aclara.
Empréganse diagramas de cor e símbolos no lugar de letras para facilitar a aprendizaxe
O curioso é que, 100 anos antes de Mondrian e os neoplasticistas, os seus diagramas empregan só as cores primarias -vermello, azul e amarelo- ademais do negro.
Á esquerda, deseño para o teorema de Pitágoras. Á dereita cadeira de Gerrit Rietveld
Esquerda, ilustración de Byrne; dereita, lenzo de van Doesburg
Claro que xunto con ese deseño inicial, Byrne presenta todo o desenvolvemento matemático

Explicación do teorema de Pitágoras

  Variacións sobre Kandinsky: de círculos ós caramelos Candy e música para acompañar a pintura

Esquerda, Kandinsky, Cadrados con círculos concéntricos; dereita, interpretación de Munguía, Candy-nsky











0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir