26 de maio de 2012

ARCO DE TRIUNFO DE TITO


CATALOGACIÓN

Edificación conmemorativa de carácter civil e con función propagandística do seu promotor, levantado no século I d.C. en Roma, na Vía Sacra a carón do Foro e do anfiteatro Flavio. No caso que nos ocupa o arco de triunfo foi levantado polo emperador Domiciano para celebrar as vitorias sobre os xudeus e a toma de Xerusalén do seu irmán, o xa defunto emperador Tito, no ano 70 d.C.. A cartela do ático contén a dedicatoria que indica: O Senado romano e o pobo de Roma ó divino Tito, fillo do divino Vespasiano, Vespasianus Augustus.
O seu autor é descoñecido, como habitualmente pasa na arte romana, posto que o artista non goza de recoñecemento social.
En principio os arcos de triunfo foron construcións provisionais en madeira que se erguían, e despois se desmontaban, como ornamento para recibir as tropas triunfais que volvían a Roma. Posteriormente optouse por facelos definitivos e con carácter monumental a fin de constituír unha mostra permanente das campañas e dos honores dos seus promotores.
Os arcos de triunfo son construcións en pedra, exentas, con número impar de vanos e decorada con relevos alusivos ós feitos e persoas que conmemora

CONTEXTO
....
As edificacións conmemorativas son unha peculiaridade da arte romana, xunto cos arcos de triunfo como este de Tito, o de Septimio Severo ou o de Constantino, todos en Roma, convén destacar o de Bará en Tarragona.
Son tamén construcións conmemorativas as columnas, sendo a mellor exemplificación a Columna de Traxano en Roma.

ANÁLISE
O arco de Tito, o máis antigo que se conserva, é de planta rectangular, en cantería de pedra e consta dun só vano en arco de medio punto entre dous grandes piares.

Tito
En alzado diferéncianse tres corpos. 
- Un primeiro corpo, o podium a modo de basamento. 
- O segundo, corpo principal separado do podium por unha liña de impostas, confígurase en tres rúas, a central con vano e dúas laterais cegas a modo de grosos piares con hornacinas rectangulares cegas e pares de semicolumnas adosadas decorativas, de capiteis compostos, fustes lisos nas caras exteriores e estriado nas centrais, sobre elas arrinca o entaboamento formado por un arquitrabe de tres bandas, friso con relevos representando o desfile triunfal das lexións romanas, e cornixa
Na parte central ábrese o arco de medio punto con vitorias aladas dirixíndose á clave, nas enxutas. 

- Por último, o ático parte da cornixa e coroa a construción portando no centro a monumental inscrición coa dedicatoria dentro da cartela. 
A bóveda interior resultante é de canón con casetóns. No seu centro, unha apoteose de Tito levado ó ceo por dúas aguia.


Como é característico da arquitectura romana, nesta obra tamén se combina a estrutura alintelada grega co arco e o abovedamento. Esa combinación de arco-lintel é posible grazas ás enxutas que se retraen do plano exterior.
Especialmente interesantes resultan os relevos que se superpoñen á construción no friso, nas enxutas, na bóveda e, especialmente, nos dous paneis interiores baixo a bóveda que presentan a entrada triunfal de Tito, o ano 70 d.C., na arrasada Xerusalén e o desfile dos trofeos collidos aos xudeus, son pois dous relevos históricos.
Son dous paneis rectangulares en altorrelevo situados a media altura, han de ser obra dun taller distinto tendo en conta a súa maior calidade. Un recolle a celebración do triunfo: o emperador Tito, avanza sobre unha cuadriga guiada pola deusa Roma que volve a cabeza cara a el, mentres unha Vitoria o coroa como heroe. Xunto do carro, as figuras alegóricas do Xenio do Pobo Romano -home xove do torso espido- e do Senado -home de máis idade togado-, diante unha serie de lictores cos seus fasces e coroados de loureiro.
A disposición diagonal dos cabalos da cuadriga recorda a disposición dos xinetes do friso das Panateneas no Partenón de Atenas.


No lado oposto, o outro panel amosa o desfile triunfal das lexións vencedoras transportando o botín e entrando pola Porta Triunphalis, porta coroada por dúas cuadrigas. Recoñécense obxectos do templo de Salomón, o máis prezado botín, as trompetas de prata, o altar de ouro -Arca da Alianza- e o candelabro de sete brazos -a Menorah-.


En ambos paneis empréganse distintos planos de profundidade, desde o moi alto do primeiro ata moi baixo no derradeiro, para crear espazo o que xera fortes contrastes de claroscuro. Pero ademais para lograr maior plasticidade, cada friso cambase de xeito que a parte central adquire unha convexidade que se vai suprimindo cara ós laterais, tal efecto resulta máis notorio no panel de Tito. É de destacar igualmente o xeito no que a Porta Triunfalis se dispón en perspectiva, incluso semella que o cortexo xira para penetrar por ela.
O tratamento das figuras responde ó realismo romano, lonxe da estilización grega, pero cun logrado estudio do movemento e do detalle das actitudes.
A pintura, hoxe perdida, completaría a grandiosidade do efecto pictórico destes relevos nos que realmente parece que hai aire entre as figuras, o que aínda non se apreciaba na Ara Pacis.
En síntese, un arco de triunfo de traza sinxela completado con relevos de alta calidade técnica.



0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir