24/06/2012

TAPIÉS


-TAPIES. MARRÓN E OCRE





CATALOGACIÓN


Obra abstracta de grandes dimensións (1,70x1.95) realizada por Antoni Tàpies en 1959 servíndose dunha técnica mixta sobre lenzo, emprega po de mármore con pigmentos e PVA (acetato, cola).
Clasifícase como arte abstracta informalista que se desenvolve na Europa de finais dos anos 40 do século XX. Dentro dese informalismo máis particularmente representa a pintura matérica ou tamén denominada Art Brut iniciada por Dubuffet e Fautrier e que Tápies comeza a desenvolver a partir do 1955. Será esta etapa a mellor considerada por coleccionistas e críticos de arte.
Antoni Tàpies, nacido en Barcelona no seo dunha familia burguesa e catalanista, foi persoa comprometida politicamente contra da ditadura franquista. De formación autodidacta, soubo pasar dun realismo inicial a un primeiro surrealismo máxico con influencias de Miró e Klee para continuar cara á abstracción xeométrica e ó informalismo e a pintura matérica. Certamente moi pronto comezou a se interesar pola materia, a terra, as arpilleiras, chatarra, madeira, roupa vella, xeso, vidro, ... cos que engade todo tipo de texturas á súa obra. Pero ademais as perfora, destrúe, fura, corta e desgarra. Todo cunha finalidade principal: provocar sensacións emocionais


CONTEXTO
A arte estadounidense posterior á II Guerra mundial, decantarase polo Informalismo, entendendo por tal non unha tendencia concreta senón un espírito de rebeldía creativa que fracturaba a conexión coas formas da tradición e renunciaba á programas conceptuais como modo de creación de escolas, primaba ante todo a individualidade. É o que fixeron Pollock ou de Kooning.
Do mesmo modo en Europa, a tendencia informalista domina o desolador panorama artístico de posguerra. En España, a situación era aínda máis complexa, pois a identificación da II República coa arte de vangarda, supuxo que a derrota militar daquela tras da guerra civil, levase aparellada a práctica desaparición de calquera tipo de tendencia plástica de carácter progresista.
Os principais grupos de pintores abstractos españois son o Grupo Pórtico de Zaragoza, o Dau al Set de Barcelona, ó que pertenceu Tápies, e El Paso de Madrid. As figuras principais son, xunto con Tàpies, Saura, Canogar e Millares, entre outros. Son eles os que conseguiron conectar a arte española coa arte internacional, tras décadas de illamento.


ANÁLISE
A técnica serve de soporte ó contido e á súa mensaxe. Sobre o lenzo disposto horizontalmente sobre o chan, aplica con espátula ou coa propia man pintura dentro dunha gama moi reducida de cores frías e terrosas - ocre, marrón, gris e negro- de óleo e outros pigmentos con po de mármore triturado. Sobre esta mistura de base xa case seca realiza un grattage con tela de arpilleira: pégaa sobre o lenzo e logo arríncaa para crear unha estrutura de relevo con zonas resgadas, rabuñades ou furadas. A continuación fai un novo gratagge servíndose de diversos útiles -punzóns, coitelos, pinceis, tesoiras, as propias mans- para engadir signos simbólicos (cruces, asteriscos, letras -como neste caso un Y e un X-, números) e liñas de trazos distintos que recordan os graffiti. En ocasións emprega tamén a técnica do dripping. Máis que pintura sobre lenzo, a consistencia plástica da obra semella unha parede ou unha tapia, o mesmo artista xoga co significado do seu apelido
Logra a conxunción de texturas e tonalidades diferenciadas combinando o matérico e o icónico xunto co cromatismo, para crear unha imaxe sorprendente a modo de poema visual, unha obra aberta coa que interpela o espectador.
Cun rigor compositivo minimalista, unha contundente austeridade cromática, sen referencias figurativas e despoxada de significación concreta, a obra resulta sen embargo sobrecolledora, pois da interacción entre contido e continente xurde un signo conceptual de dimensión moral, característico da obra de Tápies.
Na súa obra reflexiona sobre a vida e a morte, sobre a soidade e a alegría, sobre o paso do tempo. El mesmo dixo que a obra de arte debe deixar perplexo ó espectador para facelo meditar sobre o sentido da vida.








0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir