12 de out. de 2012

TEMPLO DE ATENEA NIKÉ OU DA VICTORIA ÁPTERA



CATALOGACIÓN

Recoñecemento da obra. Estamos diante dunha obra arquitectónica de tipo relixioso, concretamente tratase do templo dedicado a Atenea Niké, a Atenea Vitoriosa, ou Vitoria Áptera (sen ás, para que non abandonase aos atenienses) coa finalidade de conmemorar a vitoria de Alcibiades sobre os persas.
Función. Os templos gregos aínda sendo obras de función relixiosa non son recintos de oración, senón o lugar no que habita o deus ou a deusa á que se dedica o edificio. En consecuencia o edificio é de reducidas dimensións e o espazo interior carece de importancia posto que os fieis realizan as prácticas rituais de culto no exterior.
Localización. Erguese na Acrópole, no bastión dereito dos Propileos, sobre un espazo mínimo ocupado por un templo anterior que fora destruído polos persas no 480 a.C. As escarpadas paredes do bastión obrigaron á delimitar o espazo por un parapeto de seguridade para os visitantes. Tratábase dun pequeno muro de mármore e unha balaustrada de bronce. O muro exterior estaba ornado con relevos alusivos ó tema da vitoria (ver a Vitoria atándose unha sandalia) que seguían o estilo de Fidias, seguramente serían obra dalgún dos seus discípulos.

Na rocha sagrada da Acrópole levantáronse tamén outras construcións relixiosas importantes da cidade como os templos do Partenón e o Erecteión, ademais da calcoteca (museo do bronce), o santuario de Artemisa Brauronia e o odeón (na ladeira).
Estilo e datación. Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis concretamente ó clasicismo pleno do s. V a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C.
Se ben o proxecto construtivo data do 449, coetáneo do Partenón, a obra non se levou a cabo ata vinte anos despois, xa morto Pericles e durante as Guerras do Peloponeso, o que outorgaba un significado engadido ó templo: a ambición de Atenas de se converter na polis líder. A razón do atraso non está clara, posiblemente se pospuxera para centrar todos os esforzos na edilicia do Partenón.
Materiais. Está realizado en mármore do Pentélico e pedra de Paros.
Autoría.  A obra débese a Calícrates, colaborador na construción do Partenón, quen tivo que adaptar o proxecto inicial a un espazo que se reduciu máis coa grande volumetría acadada polos Propíleos
O templo de Atenea Niké é unha obra chea de elegancia e fermosura, aínda sendo unha miniatura no medio dos restantes imponentes edificios da Acrópole.

CONTEXTO
.....................

ANÁLISE

Antes de pasar á análise particular, convén convén facer dúas precisións previas. En primeiro lugar que a forma dos templos gregos non é unha creación ex novo, senón que deriva do mégaron micénico, pero se o mégaron era un palacio, os gregos toman o modelo para convertelo en templo. En segundo lugar, entender que os templos non son construcións illadas, pola contra forman parte dun conxunto que abarca todo o témenos, o espazo sagrada delimitado polo períbolos (neste caso toda a rocha sagrada da Acrópole). 
Esta concepción pervive no mundo grego, sempre máis interesado no conxunto e no valor plástico dos exteriores que na organización ou funcionalidade dos espazos internos, contrariamente do que farán posteriormente os romanos. 
Constrúese en aparello de cantería isódomo unindo os perpiaños por medio de caravillas sen empregar argamasa. 
De planta rectangular, tetrástilo por ter catro columnas no fronte e anfipróstilo ó contar con pórticos en cada un dos lados menores. As pequenas dimensións fixeron que pronaos e opistodomos quedaran reducidos a pequenos pórticos, e a que a naos cadrada, onde se situaba a estatua da deusa, se vira reducida a 4x4 metros. A cella cos seus dous piares no acceso semella a estrutura dun templo in antis.
O alzado segue o esquema dos templos gregos acorde a un  módulo de harmonía e proporción que se materializa na existencia das ordes, que toman como unidade de medida o radio do fuste da columna e a partir de aí a proporción aplícase a todas as partes e elementos, de xeito que toda a composición queda normativizada. Neste caso en orde xónica, máis esvelta e lixeira que a orde dórica, polo que se asocia có feminino.
De abaixo arriba encontramos os seguintes elementos: a crepidoma, plataforma de tres banzos (estereóbatos, os dous inferiores, e estilóbato o superior) no todo o perímetro; as columnas: ............. (basa, fuste -neste caso monolítico- ....., capitel....); entaboamento constituído por un arquitrabe subdividido en tres bandas horizontais, un friso continuo adornado con relevos, e a cornixa que sobresae do plano anterior.
A fin de lograr unha mellor visión da volumetría e da xeometría do conxunto, aplicaron tamén certas corrección, así as volutas exteriores dos capiteis dos catro ángulos dispóñense tanxecialmente.
 

Como o tellado é a dúas augas fórmanse nos lados menores sendos frontóns cuxa superficie interna, o tímpano, se decora con programas escultórico en relevos, hoxe perdidos.
En canto ó programa escultórico inclúe os relevos do friso coas vitorias bélicas dos atenienses  e nos frontóns unha Xigantomaquia e unha Amazonomaquía. A isto hai que engadir os xa citados do parapeto.
Esta pequena xoia arquitectónica foi destruído polos turcos no século XVII que aproveitaron o material para facer fortificacións. No século XIX, foi reconstruído por arqueólogos franceses 



0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir