01/09/2014

CATEDRAL DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (obra escultórica)


1. PORTADA DE PRATERÍAS



CATALOGACIÓN
Portada da fachada sur do transepto, realizada nos primeiros anos do século XII, a única das tres da catedral, verdadeiramente románica.
As tres portadas respondían a un planteamento iconolóxico conectado. A do Norte, dedicada á obra creadora do Pai, presentaba a caída e promesa da redención; a do Sur, dedicada a obra do Fillo, presentaba a redención; a do Oeste, sería a do Xuízo e a Gloria.
O que hoxe vemos na portada de Praterías resulta da obra orixinal, máis pezas engadidas procedentes da portada Norte, da Acibecharía ou Porta francíxena pois nela desembocaba o Camiño francés, que foi destruída por un incendio no século XVIII,.e do coro pétreo do mestre Mateo.
Non conta cunha autoría única, pola contra resulta da suma artistas (mestre do Cordeiro, mestre da Traizón, mestre das Praterías, mestre das Tentacións ou de Conques e mestre da Transfiguración) e temas diferentes dentro dun conxunto iconográfico común: a Redención, con escenas alusivas á dobre natureza de Cristo (humana e divina), e o seu triunfo sobre o pecado e a morte. Foi monumentalizada polo mestre Mateo na súa parte alta.

CONTEXTO

......
A escultura quedara desconectada da tradición clásica, os precedentes cos que conta son tan só as mostras prerrománicas, de pequeno formato, as herdanzas bizantinas, de onde ven o hieratismo e a disposición xerárquica, e paleocristiáns de onde retoma a representación de figuras humanas
As representacións conteñen un simbolismo de signos e alegorías entendido polos fieis, estas Biblia pauperum tiñan unha clara finalidade didáctica pois a través delas presentábanse acontecementos bíblicos e escenas celestes, sempre resaltando o temor da condenación e a necesidade do arrepentimento dun modo moi expresivo
Integrase na arquitectura e a ela se acomoda, por iso predomina o relevo e escasea o vulto redondo. Seguindo a lei do marco, as formas corporais e os obxectos non teñen estrutura independente do marco, senón que se dobran, alongan ou achican segundo a dispoñibilidade espacial, ocupándoo de cheo –horror vacui-. Aparece en capiteis, arquivoltas tímpanos, xambas, parteluz, sempre en distribución simétrica, con escenas xustapostas e a miúdo policromada

ANÁLISE
A fachada consta de dúas portas de dobre folla, abucinadas pola superposición das arquivoltas, alinteladas e con tímpanos semicirculares. Apóstolos ós lados de cada porta como gardiáns das mesmas. Segue un friso, a cornixa sobre canzorros, dous vanos con arcos lobulados de influencia musulmán e arquivoltas (a terceira foi alterada ó construírse o claustro) que abren á tribuna. Remata cunha balaustrada moi posterior
Os relevos, en placas de dimensión e grosor variado, concéntranse nos tímpanos e no friso pero tamén aparece nas columnas, nas xambas, nos contrafortes e nos muros. O conxunto resulta totalmente incoherente e desordenado por mor dos engadidos. Incluso as formas non se adaptan á forma semicircular dos tímpanos.
O tímpano da dereita alude á natureza humana de Cristo: na parte superior o Nacemento, o Anuncio ós Pastores, a Adoración dos Magos; no rexistro inferior, temas da Paixón: Coroación de espiñas, Flaxelación, Erección da Cruz, Bico de Xudas; e outros como a Curación do cego á dereita.

Image Map

O tímpano da esquerda resalta a natureza divina de Cristo presentada pola súa vitoria sobre o pecado (as Tentacións) e pezas soltas como a muller adúltera.


Image Map

No friso e nas xambas, as áreas de maior desorde, mestúranse pezas de distintas procedencias e temáticas: a Tranfiguración, Cristo e os Apóstolos, escenas do Xéneses (creación de Adán e Eva, expulsión do Paraíso), o rei David tocando un instrumento musical, sentado e coas pernas cruzadas nunha postura singular que rompe a frontalidade e conquista o espacio reservado para o espectador.
 

Diferenciase a man dun mínimo de tres mestres, en sucesión cronolóxica:

- O denominado mestre de Eva ou mestre de Praterías, (pensouse que fora Estevo, pero hoxe tal hipótese parece superada) considerado o de mellor calidade. As súas figuras, nun esquema xeométrico romboidal, caracterízanse polas coidadas anatomías, pregas paralelas debuxadas en U, cabelo en mechóns soltos, grosos labios, ollos avultados e fazulas inchadas, pernas cruzadas en aspa. Realizaría a muller adúltera (.............), a Creación de Adán; David, rei e poeta, representado como vencedor do mal (figuras que pisa), coma Cristo venceu as tentacións; os Apóstolos das xambas.
- O mestre do Cordeiro (o nome deriva da súa relación coa Porta do Cordeiro de S Isidoro de León) caracterízase pola monotonía en panos e anatomías, volumes xeometrizados, formas pulidas, tendencia á frontalidade, rostros inexpresivos, aínda que trazos da faciana como ollos, labios e fazulas son semellantes ós do mestre de Praterías, pero carentes de vida. Realizaría figuras como o Pantocrátor; o Cristo de pé; o anxo con libro (Mateo?); a reprensión de Eva.
- O mestre da Traizón (relacionado coa Porta do Perdón de S Isidoro de León), traballa no tímpano dereito: bico de Xudas, expulsión do Paraíso, curación do cego. Presenta un estilo máis narrativo, tende ó vulto redondo –brazos e pernas poden estar exentos- con pregados grosos e cilíndricos que se cinguen á parte inferior do corpo; fisicamente, as figuras presentan bigotes cara arriba, pupilas escavadas, moi expresivas.

-Algunhas outras figuras como a Flaxelación e a Coroación de Espiñas serían obra dun cuarto mestre, denominado mestre de Conques ou das Tentacións: cabezas cúbicas, pelo cortado á taza, canon curto, pregas aplastadas, figuras en perfil e variedade na disposición dos pes.
- E aínda habería que falar dun quinto mestre, mestre da Transfiguración, cun estilo relacionado con Saint-Sernin de Toulouse, caracterizado por un rebuscado manierismo; da súa man serían o centauro, a muller amamantando, a Transfiguración, San Andrés.


Aquí poderes ver nunha imaxe interactiva os autores das distintas partes da Portada de Platerías. Está realizada combinando como fan algunas teorías o Mestre da Transfiguración (portada Norde) e o Mestre de Praterías que para moitos autores serían un só (CASTIÑEIRA).


 
Podes ver con detalle todos os relevos da portada nesta páxina


OBRAS DO MESTRE DE PRATERÍAS


a) DAVID
Situado na xamba lateral esquerda da fachada de Praterías, atribuído ao mestre do mesmo nome. Procede da fachada norte. Obra do mestre de Praterías.
David aparece como rei coroado, vestido con túnica e manto prendido no ombreiro, xira a cabeza a súa dereita, sentado nun trono con dosel e patas rematadas en garras de león, animal co que se identifica o propio David, coas pernas cruzadas en aspa, tocando un instrumento musical moi detallado nos seus elementos (máis medieval que bíblico pois a Biblia asígnalle un arpa). Os pes, vistos desde arriba, pisan un animal con garras, un demo, símbolo do triunfo sobre o mal
Cumpre a lei do marco que ven dado polo arco e polas molduras laterais. Por iso a posición resulta antinatural, excesivamente vertical aínda que xire a cabeza á súa dereita.
Non hai volume posto que pernas e laude ou viola, non se proxectan suficientemente. Pero a cabeza xira á súa dereita rompendo un tanto a frontalidade.
Cabeza: cabelos longos que caen sobre os ombreiros en bucles soltos, labios grosos, fazulas e ollos avultados, coidada barba traballada en pequenos mechóns individualizados que rematan en pequenos bucles e bigote en pequenos rizos que parecen trenzados. Amosa serenidade e altivez ao mesmo tempo.
Corpo: coidado estudio anatómico que se adiviña baixo da túnica que forma grandes pregas paralelas que configuran ondas en U, péganse en técnica de panos mollados
Compositivamente hai un claro eixe central cortado polas liñas en aspa das pernas cruzadas.



Moi semellantes son estas tres obras, todas en templos do Camiño. Fíxate como se repite o modelo iconográfico -se ben no derradeiro aparece acompañado dos seus músicos-, pero observa ben cada imaxe para analizar o diferente tratamento escultórico.
Mocheta da Porta Miègeville de Saint Sernin de Toulouse, pilastra do presbiterio de Santo Domingo da Calzada, e capitel da catedral de Jaca



b) MULLER ADÚLTERA


A mesma procedencia e autoría que David
Pensouse que representaba a Eva como símbolo do pecado orixinal. Sen embargo, seguindo o Codex Calixtinus, aludiría ó adulterio: a muller sostén a cabeza putrefacta do seu amante, cortada polo seu propio marido, quen a obriga dúas veces por día a bicala.
Senta sobre unha cadeira de tesoiras que remata en garras de león abaixo e en cabezas do mesmo animal no alto.
Destacan as súas formas sinuosas, redondeadas, transmitidas a través da túnica que viste e que deixa á vista a perna e o peito esquerdos, engadindo unha nota de sensualidade.
Os mesmos trazos estilísticos que David









2. PÓRTICO DA GLORIA
 


Abrimos  boca con Peridis

 



CATALOGACIÓN
Pórtico da Gloria, que formaba parte da fachada occidental realizada polo mestre Mateo, e os colaboradores do seu obradoiro, no derradeiro terzo do s. XII cando, no 1168, o rei de  León e Galicia Fernando II lle encarga levar a cabo as derradeiras obras da Catedral compostelán (consérvase o documento do contrato que constata o recoñecemento que o monarca fai do artista).
Unha inscrición no lintel danos a data de 1188.
En substitución dunha primitiva fachada, similar a de Praterías, resolve realizar un nártex monumental flanqueado por torres xemelgas de base cadrada. Para sustentalo e salvar o desnivel do terreo, construíu un grande basamento conformado pola cripta, tamén coñecida como catedral vella. Iconograficamente a cripta simboliza o mundo terreal coa súa bóveda celeste –sol e lúa nas claves das bóvedas- sobre a que se asenta a Gloria do pórtico. Na parte alta, unha galería que comunica coa tribuna e que se ilumina a través dos óculos abertos sobre os arcos laterais do Pórtico, na clave da bóveda o Año de Deus, a prefiguración do sacrificio de Cristo, a luz que iluminará e salvará o mundo.



O material empregado é granito e só mármore en algún caso. Estivo policromado, aínda se poden ver certos trazos da pintura.
Mateo é tamén autor do claustro románico, substituído por outro plateresco no XVI, e do coro pétreo que foi destruído no s. XVII e cuxas figuras vemos hoxe na Portada de Praterías e no cerramento da cabeceira.
As máis 200 esculturas son a culminación do románico con personaxes maxestosos e severos, pero dotados dun naturalismo nas actitudes e nas facianas que está a anticipar o gótico. Por iso, se considera unha obra de transición. O pórtico quedou cuberto pola superposición da fachada barroca do Obradoiro.

CONTEXTO
.........

ANÁLISE (interesante páxina)

O nártex, de pequenas dimensións e cuberto por bóvedas de crucería, presenta na contraportada catro anxos trompeteiros chamando ao Xuízo Final, mentres que a portada que da paso ás naves estruturase en tres grandes vanos en arco de medio punto, en correspondencia coas naves, sustentados por piares con columnas adosadas. O arco central, o dobre que os laterais, é o único que posúe tímpano e está dividido por un parteluz coa figura de Santiago.
Esta idea de pórtico resulta  herdanza dos arcos de triunfo romanos, engadindo á súa función propagandística a función didáctica.
A interpretación non é unánime, considérase que é a plasmación do Apocalipse de San Xoán, segundo o cal o templo representa a nova Xerusalén que descende do Ceo, insistindo na idea do fin do mundo, e para outros a alianza, simbolizada en Xesús, do pobo xudeu anterior a Cristo, á esquerda, e os xentís, á dereita, que tras da chegada de Cristo ascenden por medio del á Gloria, única vía de salvación. Tamén se dubida da orde en que debería lerse: de arriba abaixo, horizontalmente, partindo do tímpano central, ...
No arco lateral esquerdo reflicte temas do Antigo Testamento (creación de Adán e Eva, cativerio das tribos de Israel, descenso de Xesús ó Limbo) baixo a idea xeral da espera dos xustos pola chegada do Salvador. No oposto, temas do Novo Testamento co Xuízo Final, onde os condenados reciben o castigo acorde ós seus pecados e os elixidos son levados á Gloria. No arco central o descenso de Cristo á terra para xulgar ós homes e a Gloria
Analizamos o conxunto desde abaixo: soportes e arcos
-Os soportes de columnas adosadas das arcadas posúen altas basas con figuras de monstros, son as bestas apocalípticas vencidas. Sobre o primeiro corpo destas columnas, nas xambas, as estatuas-columna, coas figuras, á dereita, dos Apóstolos, de curtas e coidadas barbas, portando códices, na esquerda os profetas con largas barbas e portando rolo pois non son autores de escritos. Son os enviados de Deus para difundir a súa mensaxe, como demostra nos rótulos das cartelas que portan, ao tempo que actúan de intermediarios entre os peregrinos (abaixo) e Deus (arriba).
Na basa do parteluz, a figura dun home suxeitando dous monstros, pode interpretarse como Sansón; no fuste a árbore de Jessé simboliza a xenealoxía de Cristo; capitel coa Santísima Trindade en alusión á súa natureza divina. No alto, a figura de Santiago sedente acollendo o peregrino, leva o bastón de peregrino e un pergamiño no que se le Deus envíame. Por dentro posto de xeonllos en actitude penitente o propio Mateo, popularmente coñecido como santo dos croques.
-Os arcos. No central, a arquivolta acolle os 24 anciáns do Apocalipse afinando instrumentos musicais -maioritariamente de corda- e o tímpano presenta un Pantocrátor cun Cristo-Xuíz maxestático e hierático coroado como rei, en tamaño maior que o resto das figuras acorde coa perspectiva xerárquica, cos brazos abertos, mostrando as chagas, é un Cristo misericordioso, non ameazante, que ofrece a salvación. Rodéano os catro Evanxelistas en actitude de escribir apoiados cada un no seu símbolo (Lucas, touro; Marcos, león; Xoán, aguia; Mateo escribe sobre un ábaco –en recordo do seu oficio de cobrador de impostos- pois non sería propio facelo sobre o anxo que é o seu símbolo) e anxos portando os instrumentos da Paixón; ocupando o resto de espazo dispoñible, os benaventurados. Simboliza a Xerusalén celeste coa presenza dos elixidos, anxos e benaventurados.
No arco esquerdo de tres arquivoltas, unha delas floral, Xesús baixa ao Limbo para liberar as tribos de Israel, tamén aparecen Adán e Eva, os patriarcas e antigos reis. No arco da dereita, da mesma traza, os condenados reciben o castigo mentres os xustos son levados á Gloria. Ambos arcos conectan co central por medio de anxos que levan desde cada lado as almas dos benaventurados, en forma de nenos espidos como imaxe simbólica do nacemento á vida eterna.
Estilisticamente, aínda dentro de tanta diversidade, o Pórtico da Gloria presenta unha homoxeneidade que resulta do deseño orixinal de Mateo, que os seus discípulos e seguidores admiraron e continuaron. O artista recolleu toda a rica tradición escultórica da arte prerrománica e románica, coñecía e admirara obras como a decoración da Cámara Santa de Oviedo, xa terminada cando el empezou a traballar en Compostela. Ó mesmo tempo sintetizou toda a escultura monumental realizada máis alá dos Perineos, que chega a Santiago polo Camiño de Peregrinación.
O Pórtico presenta unha perfecta proporción e serenidade clásicas, xunto coa elegancia do detalle. As figuras, de maior volume que ata entón dando un paso adiante na liberación do marco arquitectónico, adoptan posturas e xestos diferenciadores, cun canon estilizado, un tratamento bastante realista das anatomías que se adiviñan baixo a branduras das vestimentas, que se moven en múltiples pregas volumétricos de liñas suaves e menos xeometrizados. E por riba de todo esa sensación de vida, hai movemento, comunicación, sentimento, emocións, sensibilidade. Non se nos esconde a dozura de Santiago, o sorriso de Daniel ou a tormenta interior de Isaías.
Non todas as esculturas se deben á man de Mateo, senón que os seus colaboradores deixaron a súa pegada, pódese falar de a lo menos outros dous mestres. O estilo mateano sería máis visible nas figuras dos anciáns, no Cristo, en Santiago e nalgúns dos profetas. Un estilo marcado polas cabezas suavemente modeladas, cabelos e barbas en bucles de caracol, vestimentas de panos brandos que transmiten as anatomías, pregas que se proxectan lateralmente. Outras figuras de canon máis estilizado, con maior complexidade nas pregas e de  cabezas máis pequenas, serían obra doutro mestre.
É románico no seu planteamento xeral, tanto na estrutura (arcos de medio punto, con figuras nas arquivoltas dispostas radialmente) como na temática (un Pantocrátor cos evanxelistas), na composición con escenas xustapostas sen deixar baleiros –horror vacui-, adaptándose ao marco arquitectónico, con escala xerárquica e figuras en disposición frontal. Pero xa hai moito de gótico: o naturalismo, a proporción humana máis realista, o incremento do volume de xeito que case chegan sa ser esculturas de vulto redondo, a perda da rixidez, a disposición corporal –os pes xa non quedan colgantes-, a individualización de cada unha das personaxes, especialmente amosada nos rostros, e a súa humanización a través da expresión.Igualmente novo é o emprego de bóvedas de crucería.
As cores, maioritariamente perdidas, contribuían a dar vitalidade e dinamismo ó conxunto.
O Pórtico tivo súa repercusión fora (San Vicente de Ávila) e dentro de Galicia como en San Martiño de Noia e na Catedral de Ourense, onde o seu Pórtico do Paraíso, presenta o mesmo esquema da arcada central.








POESÍA E MÚSICA PARA O PÓRTICO O primeiro é o ben coñecido de Rosalia de Castro

O sol poniente, polas vidreiras
da Soledade, lanza serenos
raios que firen descoloridos
da Groria os ánxeles i o Padre Eterno.
Santos i apóstoles, ¡védeos!, parece
que os labios moven, que falan quedo
os uns cos outros: i aló na altura
do ceu a música vai dar comenzo,
pois os groriosos concertadores
tempran risoños os instrumentos.
¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra
aqués sembrantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios coa axuda,
de inmortal nome, Maestre Mateo:
xa que ahí quedaches homildemente
arrodillado, faláime de eso:
máis co eses vosos cabelos rizos
Santo dos croques, calas… i eu rezo.
Aquí está a Gloria, máis naquel lado,
naquela arcada, regresa o inferno
cas almas tristes dos condanados,
donde as devoran todolos demos.
¡Cómo me miran eses calabres
i aqueles deños!
¡Cómo me miran, facendo moecas
dende as colunas onde os puxeron!
¡Santos do ceo!
¡Cómo me firen!…Voume, sí, voume,
¡qué teño medo!



Gerardo Diego, en Ángeles de Compostela, dedica un soneto a cada un dos catro anxos -dálles nome a cada un: Uriel, Matiel, Urján, Racías- que tocando trompetas chaman ao Xuízo Final desde os catro puntos cardinais. Neste caso refírese a Uriel.
Gloria es la excelsitud -techumbre abierta-. 
Escorzos de la música que pisa 
sus sesgos torbellinos de cornisa, 
gozo escandido de la planta experta

nos mides, oh Uriel. Franca la puerta 
del paraíso está. Y se te irisa 
de brasas y vislumbres la sonrisa 
la túnica en tus vueltas se te injerta. 

Salta, Uriel, destrenza tus trenzados, 
brinca en la danza, olvídate del vuelo. 
Tú eres la guía, el adalid del coro. 

Que nosotros, a tu ímpetu raptados, 
trenzamos ya las sílabas del cielo, 
oh serafín del número de oro.


Na Fundación Barrié podes escoitar fragmentos musicais dos Sons do Pórtico, música interpretada cos instrumentos reproducidos que aparecen no Pórtico. En YouTube podes ver un concerto e Berlín.




0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir