09/06/2017

CATEDRAL DE LEÓN



























CATALOGACIÓN
Autor: son varios os maestros de orixe francesa, o mestre Enrique de Burgos e Juan Pérez.
Estilo: gótico.
Cronoloxía: S. XIII
Tipoloxía: arquitectura relixiosa
Localización: León – España.

CONTEXTO
(...)

ANÁLISE
Esta catedral pertence ó Gótico clásico xunto coas de Toledo e Burgos. Foi mandada construír polo Bispo Martín Fernández cando reinaba Afonso X, para mostrar o poder da Cristiandade no entorno do Camiño de Santiago, nun territorio conquistado ós musulmáns. 
Segue o modelo das catedrais góticas francesas, especialmente Reims e Amiens. 

A planta é de cruz latina e consta de tres naves lonxitudinais, a central máis ancha e alta que as laterais. O transepto tamén ten tres naves e sitúase cara o centro da edificación. A cabeceira é moi ampla (por iso se di que é macrocéfala) e ten un tramo de cinco naves e a xirola con cinco capelas ou absidas radiais de forma poligonal.
O alzado divídese en tres niveis: arcada con arcos apuntados, triforio (formado por arcos xeminados apuntados enmarcados por un arco apuntado con tracería gótica) e claristorio decorado con grandes ventanais con vidreiras policromadas (deixan pasar a luz pero tamén teñen función didáctica).
A cuberta está formada por unha bóveda de crucería que descarga o seu peso sobre pilares con columnas adosadas (baquetóns), que reducen o peso sobre os muros que son substituídos por arcos oxivais con vidreiras.




Na parte exterior do muro colocan arbotantes que conducen os empuxes cara os contrafortes coroados por pináculos. Son características do gótico a verticalidade e a luminosidade, que se acadan con estas innovacións técnicas, ambas son consideradas elementos simbólicos porque Deus é luz.
A fachada occidental ten forma de H. Na parte central hai un gran rosetón con vidreiras de cores e enriba un gablete flaqueado por pináculos. As torres son cadradas e sitúanse a ambos lados deste corpo central. Na parte inferior hai unha triple portada oxival decorada con esculturas.

  • No parteluz da portada central está a figura da Virxe Branca e no tímpano tratan o tema do Xuizo Final, presidido por Xesucristo amosando as chagas da paixón. Tanto na metade dereita do dintel como nas arquivoltas da dereita se atopan escenas dos condenados con moito realismo, destacando a dos pecadores introducidos en grandes potas con auga fervendo. Pola contra na medade esquerda do dintel e das arquivoltas temos escenas dos benaventurados.
  • Na portada ó norde da anterior se atopa representado o ciclo da Natividade: Visitación, Nacemento, Adoración dos Pastores, Herodes, Epifanía e Matanza dos Inocentes.
  • Na zona sur deste corpo occidental temos a Porta de San Francisco onde se representa no tímpano en dous niveis a morte da Virxe e a súa coroación.



Na fachada Sur temos unha estrutura semellante á da portada occidental pero sen as torres que flanqueaban o bloque central. De novo tamén debaixo do gran rosetón tempos un corpo de fietras e na parte inferior tres portadas.

Portada central: é a portada do Sarmental claramente inspirada na portada do mesmo nome da catedral de Burgos, repetindo a mesma iconografía aínda que cun estilo moi diferente. O tema é o apocalipse de San Xoán e así temos no centro do tímpano ó todopoderoso rodeado dos catro evanxelistas e os símbolos, o tetramorfos. 



Ó leste desta está a porta de San Froilán, o patrón da cidade.
Pola súa banda a porta oeste está inacabada a nivel escultórico e só conserva decoración heráldica. canto á calidade das esculturas da Catedral de León e a pesar do erosionadas que se atopan amosan unha extraordinaria calidade. Presentan o naturalismo propio do gótico que se impón sobre o simbolismo e hieratismo románicos. O traballo dos pregues nas ropaxes, a expresión e individualización dos rostros e a sensación de movemento son as súas principais características.






0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir