10 de xuño de 2017

VIGNOLA e DELLA PORTA



IGREXA DO GESÚ DE ROMA



CATALOGACIÓN
A Igrexa do Gesú de Roma foi deseñada por Vignola e comezaron as súas obras en 1568 e se prolongaron ata 1575. Despois da morte de Vignola en 1574, a fachada foi completada polo arquitecto Giacomo della Porta entre 1567 e 1584. 
Pertence polo tanto ó Renacemento, en concreto ó Cinquecento. A obra terá unha enorme transcendencia no futuro xa que se converterá non só no modelo das igrexas da Compañía de Xesús, senón tamén na inspiración para o que serán as futuras igrexas barrocas.

CONTEXTO 

( …) 
Despois do Concilio de Trento (1545-1563) a Igrexa Católica acometeu un proceso de renovación interna, o que se deu en chamar a Contrarreforma. De este Concilio xurdiron unhas normas moi claras sobre como deben ser as Igrexas e as imaxes relixiosas, ademais da práctica do culto. 
Así a Contrarreforma, entre outras cousas, se plantexou un cambio na liturxia existente ata o momento o que trouxo consigo un cambio tamén no deseño dos edificios de culto. O altar principal se converterá no punto central da Igrexa, e polo tanto o plan lonxitudinal será o preferido, xa que neste deseño todas as olladas dos fieis converxen nese elemento centralizador. O plan central de tanto éxito no renacemento será polo tanto abandonado xa que neste esquema non todos os fieis tiñan esta clara orientación cara o altar. 
Ó mesmo tempo na nova liturxia será moi importante o culto ós santos que era negado polos protestantes e así nas novas igrexas será moi importante a aparición de novos espazos destinados a este culto que normalmente serán capelas independentes. Por último o segredo de confesión tamén necesitará de lugares recollidos e íntimos para levalo a cabo.
Dende outro punto de vista, a orde da Compañía de Xesús (popularmente coñecida como Xesuíta), fundada por San Ignacio de Loyola en 1534, nace coa vocación da defensa da relixión Católica no contexto da Reforma protestante e se converterá en abandeirada da Contrarreforma Católica. Esta orde non deixou de medrar nos anos seguintes ó Concilio de Trento aínda que no futuro vai ter problemas en moitos países debido a un punto moi polémico que é o seu xuramento de fidelidade ó Papa, mesmo por diante da autoridade civil. Esto levará á orde xesuíta a constantes enfrontamentos coas autoridades civís e suporá en diversas etapas a súa expulsión de países como Francia (1762), Portugal (1759) e mesmo España (1767).


ANÁLISE 

-Interior
A obra de Vignola a vemos no interior do edificio e aporta algunhas novidades que a converterán nunha obra de gran influencia no futuro como xa dixemos. 
A planta resulta unha mistura do vello esquema de plan central có modelo preferido dende o Concilio de Trento, o plan lonxitudinal. Ten planta de cruz latina cunha única nave, anchísima pero curta. A cada lado da nave, unha serie de capelas entre piares, comunicadas internamente, substitúen as tradicionais naves laterais.
O transepto reduce notablemente a anchura dos brazos a fin de non desvirtuar o sentido lonxitudinal e, ó tempo, dar todo o protagonismo á cúpula do cruceiro.
Esta nave está cuberta por unha enorme bóveda de canón sen decoración sostida por uns enormes contrafortes no exterior, adoptando Vignola solucións xa olvidadas como é o dos contrafortes góticos, necesarios debido tamén ás grandes ventanais que o autor introducirá nesta bóveda. Realmente, a estrutura en alzado recorda ese ambiente, aínda que aquí non sexan tres naves, as semellanzas son notables


Desaparecen da vista os elementos sustentantes (columnas) que había nas igrexas renacentistas anteriores de plan lonxitudinal. Emprega piastras acanaladas de orde corintio, adosadas ós grosos machóns -similar á solución de Miguel Anxo na basílica do Vaticano- achaflanados no cruceiro para soter a cúpula  sobre pechinas e pares de  piastras enmarcando as capelas.
Bóvedas e cúpula carecían de decoración e contará con grandes ventanais que converterán esa zona na máis iluminada da Igrexa. 
O edificio rematará no presbiterio elevado sobre un zócalo e cuberto por unha bóveda de cuarto de esfera. 

Na obra atoparemos un equilibrio inestable entre a tendencia lonxitudinal da nave e o impulso ascensional da cúpula ó mesmo tempo que o xogo de luces tamén creará outro tipo de tensión no edificio dende unha zona moi iluminada baixo a cúpula e no altar, e unha zona moi escura nas capelas entre piares. Entre ambas habería unha zona de transición que será a nave tamén cunha iluminación tenue.
A escuridade das capelas será o lugar axeitado para a disposición dos confesionarios ó mesmo tempo que será tamén un lugar de recollemento para levar a cabo o culto ós santos.




-Exterior


Como dixemos a fachada é obra de Giacomo della Porta, pero a súa transcendencia será tan importante como a do interior realizado por Vignola, converténdose no modelo para o novo estilo do futuro, o barroco. 
Está claramente inspirada na de Santa María Novella de Alberti: dous corpos e aletóns, pero engade novidades moi interesantes.
Está organizada en dous pisos separados por un entaboamento, coroados por un enorme frontón triangular. O piso inferior consta de 5 rúas separadas por unha serie de dobres piastras xigantes de orde corintio e que terá a anchura de todo o interior da Igrexa, no alto un frontóntriangular dentro de outro curvo. A gran porta, na rúa central enmarcada entre columnas, coroase cun frontón curvo mentres que as pequenas portas laterais -todas adinteladas, coroan cun frontón triangular e encima delas unhas fornelas para imaxes relixiosas.
O segundo andar terá só tres rúas organizadas do mesmo xeito que as do piso inferior con piastras, culmina non alto cun  gran frontón triangular quebrado sobre un entaboamento. A súa anchura sería exactamente a da nave central.
Dous grandes aletóns en forma de volutas conectan os dous corpos salvando a diferencia de anchura. Serven tamén a ocultar os contrafortes exteriores.
En principio, unha organización con elementos clásico, certo pero alterados: combinación de columnas e piastras, mestura de frontóns curvos e triangulares, orde xigante, frontóns quebrados, maior dinamismo ó incrementar o volume  de todos os elementos cara ó centro. En definitiva, amosa unha articulación que abnadona a planitude na procura da curva, unha formulación manierista que avanza os principios barrocos.

O mmodelo tivo tal éxito que se repetirá ó longo do tempo. En primeiro lugar  en Sant'Andrea della Valle, ben similar tanto na planta coma na fachada, moi especialmente nas igrexas xesuítas de todo o mundo







0 comentarios:

  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP  

Subir